miércoles, 15 de abril de 2020

A G2 emite esta fin de semana o torneo benéfico virtual que enfronta aos tres equipos galegos de fútbol profesional



Celta de Vigo, Deportivo da Coruña e Club Deportivo Lugo competirán neste evento on line organizado por ABANCA, onde a recadación será destinada ao SERGAS

Santiago, 15.04.2020.- Esta fin de semana a segunda canle da Televisión de Galicia terá unha cita cos afeccionados ao fútbol e emitirá, en directo, o torneo solidario virtual de FIFA 20 en que competirán o Celta de Vigo, o Deportivo da Coruña e o Club Deportivo Lugo para recadar fondos na loita contra a COVID-19. Organizado por ABANCA, este evento celebrarase o 17, 18 e 19 de abril entre as 19:30 e as 20:30 horas e destinará os fondos ao Servizo Galego de Saúde (SERGAS).

Desde o venres, os representantes de cada equipo e algunhas caras coñecidas da Televisión de Galicia collerán os mandos da consola e xogarán apoiando ao seu club. O Celta de Vigo estará representado polos futbolistas Denis Suárez e Brais Méndez e os presentadores Fran Cañotas e Duarte Galbán. No equipo do Deportivo da Coruña participarán Mujaid e Mollejo, xunto co actor Marcos Pereiro e o presentador da TVG Rodrigo Vázquez.

O Club Deportivo Lugo xogará con Yanis Rahmani e Jaime Seoane, co guionista Víctor Grande e con Brais Doval, presentador do programa da TVG `Malicia Noticias´ e colaborador do programa ‘Déitate’ da Radio Galega. A xornalista de deportes da TVG, Rocío Candal, narrará estes encontros, que poderán seguirse a través da G2, da páxina web desafio.abanca.com e por Facebook Live.

A CRTVG demostra, unha vez máis, o seu apoio ao deporte galego e ás iniciativas solidarias que se desenvolven en moitos eidos sociais e deportivos nesta crise sanitaria fronte a coronavirus. Na primeira fin de semana de abril xa a Radio Galega narrara o Torneo de Fútbol Virtual LFM, participado por clubs de 2ª División B e da Terceira galega.