viernes, 13 de marzo de 2020

O concello ordena o peche dos parques infantís da cidade e adopta novas medidas para facer fronte ao Covid-19


As novas medidas e recomendacións compleméntanse coas comunicadas onte no decreto firmado pola alcaldesa, quen hoxe quixo enviar “unha mensaxe de tranquilidade á poboación”

A Coruña, 13 de marzo de 2020.- Ante a declaración do Goberno central do estado de alarma durante 15 días para conter a expansión da pandemia do coronavirus, o Goberno local volveuse reunir hoxe para adoptar unha serie de medidas novas que complementan ás xa vixentes co fin de mellorar esta contención na cidade. Estas medidas poderían ser máis restritivas despois do Consello de Ministros que terá lugar mañá.

Entre elas, destaca o peche inmediato dos parques infantís e o peche da terminal e as oficinas da estación de autobuses, aínda que se mantén o servizo de transporte nas plataformas co obxectivo de levar a cabo unha esterilización deste espazo nas próximas horas.

Por outra banda, cancélase a X Carreira Popular Torre de Hércules - II Carreira e Andaina Solidaria #QUERÉMONOSVIVAS que se celebraría o vindeiro 28 de marzo. Tamén se cancela a Hora do Planeta, o 28 de marzo, aínda que os edificios institucionais e monumentos apagaranse por este motivo.

O concello quere aclarar que as actividades extraescolares están canceladas desde hoxe. No ámbito educativo e social, informar que os comedores sociais de San Pedro de Visma e de Monte Alto serán clausurados aínda que se prestará servizo á poboación servíndolles a comida no recinto para que a leven aos seus domicilios. Para o alumnado con bolsas comedor, os comedores dos colexios públicos tamén darán o servizo de recollida de alimentos nas conserxerías destes centros que estarán coordinados coas empresas que prestan este tipo de servizos. O servizo que se prestará para o Talón Restaurante Municipal funcionará do mesmo xeito xa que terán que recoller os seus alimentos e consumilos nos seus fogares. Respecto ao centro de orientación familiar, suspéndese a súa actividade agás para asistencias urxentes como interrupcións voluntarias do embarazo ou consultas de alta urxencia. No CIM as consultas realizaranse pola vía telefónica e realizarase unha cobertura especial en caso de que algunha usuaria teña que ser acompañada. O servizo de axuda a domicilio pecha as súas oficinas (OMADAP), pero mantense o servizo telefónico.

Canto ao servizo de rúa para asistir ás persoas sen teito, entregaránselles medidas de autoprotección como as que se porán en marcha nos comedores sociais. Ademais, a Concellería de Benestar Social estará en contacto permanente con estas persoas para asistilos ante calquera tipo de situación de urxencia. O servizo de canguraxe péchase nos centros cívicos pero estase a estudar a posibilidade de que habilitar o servizo a domicilio para casos excepcionais.

Por outra banda, os mercados municipais adoptarán medidas para evitar a propagación do Covid-19 como a restrición do número de usuarios, existencia de equipos de protección, limpeza profiláctica e manter unha distancia prudente evitando o contacto directo entre os/as praceiros/as e a clientela. Este plan de protección xa foi enviado aos mercados coruñeses e poñerase en marcha hoxe mesmo.

No eixo do transporte público, estase realizado a desinfección diaria dos autobuses e a empresa concesionaria activará medidas para limitar o número de pasaxeiros e a distancia dentro dos vehículos públicos.

A recomendación do concello para os comercios, grandes superficies comerciais e locais de hostalaría e restauración privados é que sigan as instrucións do Goberno do Estado e da Consellería de Sanidade para evitar as aglomeracións de persoas e a propagación do virus.

Estas medidas estarán vixentes durante 14 días, é dicir, ata o vindeiro 27 de marzo pero non se descarta establecer prórrogas.

É importante recordar á veciñanza que que o teléfono de información e atención para o coronavirus é o 900 400 116. Para solicitar información das actividades e medidas municipais debe chamarse ao 010 e en caso de emerxencia sanitaria doutra índole o número de teléfono sería o 061.

O decreto pode consultarse na páxina web que o concello acaba de crear específicamente para informar á veciñanza desta situación de crise e que está operativa desde onte á noite: https://www.coruna.gal/web/gl/actualidade/coronavirus Na súa intervención no pleno extraordinario de hoxe, a alcaldesa lembrou as decisións tomadas hoxe polo Goberno local e informou de que “se está a traballar de maneira intensa para ir minuto a minuto tomando as deicisións que sexan oportunas de cara a solventar os problemas que van xurdindo”.

Rey expresou que “o Goberno municipal continúa a traballar para de xeito externo enviar unha mensaxe de tanquilidade á poboación e de xeito interno garantir a seguridade dos traballadores e traballadores municipais e a prestación dos servizos públicos básicos para a veciñanza. En caso de que por parte das autoridades sanitarias se adopten medidas máis restritivas para a poboación, existe un plan de contixencia e solucións de urxencia e emerxencia para dar resposta a situacións extremas como pode ser un caso de confinamento”.

A rexedora quixo facer unha reflexión: “como alcaldesa, teño unha enorme responsabilidade no sentido de protexer á poboación garantindo os servizos públicos e tratando de que os inconvenientes derivados da pandemia sexan os menores posibles. Neste senso, a responsabilidade é enorme pero agradezo que sexa compartida polo Goberno, polos concelleiros e concelleiras, o persoal municipal, funcionariado e persoal que depende do concello. A todos eles e elas quero agradecerlles a súa disposición para cooperar e seguir traballando nun caso de extrema gravidade. Non é o momento de facer política con isto senón o momento de ter altura política e debemos ser os primeiros en dar exemplo. Póñome a disposición de toda a cidadanía”.