sábado, 7 de marzo de 2020

O concello impulsará a creación dun punto de información para a Rede de Ecohortos Urbanos


Trátase dun proxecto transversal que se presentou o pasado mércores nunha mesa de traballo no CEIP Wenceslao Fernández Flórez coa presenza dos e das concelleiros/as Esther Fontán, Eva Martínez Acón, Jesús Celemín e Diana Cabanas

A Coruña, 07 de marzo de 2020.- O Goberno municipal quere realizar unha aposta decidida polos hortos urbanos da cidade. Para iso, poñerá en marcha un proxecto transversal para o fomento da agricultura urbana, que se presentou o pasado mércores nunha mesa de traballo no CEIP Wenceslao Fernández Flórez con presenza da concelleira de Medio Ambiente e Sustentabilidade, Esther Fontán, a concelleira de Innovación, Industria, Emprego e Consumo, Eva Martínez Acón, o concelleiro de Educación, Cultura e Memoria Histórica, Jesús Celemín e a concelleira de Turismo, Comercio e Mercados, Diana Cabanas.

O concello prevé a posta en marcha dun punto de información da Rede de Ecohortos Urbanos, que contará con persoal cualificado para asesorar e apoiar ás persoas e entidades usuarias dos hortos urbanos e escolares. Este servizo facilitará a creación dunha Rede de Hortos Urbanos Municipal que permita conectar as diferentes iniciativas que están en marcha na cidade, e virá acompañado da mellora e ampliación dos espazos dedicados ás hortas para a cidadanía, as hortas escolares e as hortas comunitarias.

A través destas medidas, o concello pretende difundir os beneficios sociais e ambientais da agricultura ecolóxica no medio urbano, para o que impartirá formación aberta a toda a veciñanza. Así mesmo quere recuperar a memoria histórica da cidade, de non hai tantos anos, na que o núcleo urbano estaba rodeado de hortos de pequenos produtores que abastecían á cidade con produtos de excelente calidade.

Esta iniciativa está apoiada polos proxectos europeos Connecting Nature, un proxecto de innovación con 29 socios de 16 países que promove a implantación de solucións baseadas na natureza nas cidades, e URBACT Ru:rban, unha rede europea de 6 cidades que buscan implementar as boas prácticas de Roma, cidade de referencia líder en horticultura urbana. Son proxectos financiados con fondos Horizon 2020 e FEDER respectivamente.

Tras a presentación, as concellerías implicadas neste proxecto visitaron a horta escolar do centro escolar onde, desde primeira hora da mañá, o alumnado do curso de formación para o emprego “Monitorado de Hortas Urbanas”, e promovido polo Concello, desenvolveu cos nenos e nenas dos cursos de Infantil a actividade didáctica “A Compostar!” co fin de que aprendan a utilizar os restos das “merendas con froita” para fabricar compost.