viernes, 13 de marzo de 2020

O concello activa un dispositivo de voluntariado para a atención da veciñanza máis vulnerable


Poderán colaborar maiores de idade que non formen parte dos colectivos de risco e asistirán a persoas en situación de dependencia, soidade ou de mobilidade reducida

As persoas cooperantes deberán inscribirse cubrindo un formulario en https://www.coruna.gal/participacion/gl/voluntariado/voluntariado-covid-19

A Coruña, 13 de marzo de 2020.- O concello activa un dispositivo de voluntariado para atender ás persoas que se atopan en situación de dependencia e soidade ou que teñen mobilidade reducida, polo que se fai un chamamento á cidadanía para que colabore no servizo, dadas as circunstancias provocadas polo coronavirus.

Para formaren parte do equipo solidario, as persoas solicitantes teñen que ser maiores de idade e inscribirse a través dun formulario, que está colgado na páxina web https://www.coruna.gal/participacion/gl/voluntariado/voluntariado-covid-19. Tampouco poderán anotarse como voluntarias e voluntarias se están enmarcadas nos colectivos de risco. As e os cooperantes recibirán as indicacións oportunas por parte de Protección Civil de cara a desenvolver os labores que se lles pidan nas condicións axeitadas.

Todas e todos os que asuman este traballo sen remuneración farano de forma individual e seguindo as indicacións e medidas de prevención marcadas polas autoridades sanitarias.