A Concellería de Benestar Social ofrecerá aloxamento, duchas e comida para 35
persoas con posibilidade de aumentalas ou de habilitar máis espazos se for
preciso
A Coruña, 21 de marzo de 2020.- O concello habilitará o frontón e parte das
instalacións do Pavillón dos Deportes de Riazor para albergar desde mañá a 35
persoas sen fogar durante as 24 horas do día, con posibilidade de aumentar as
liteiras –cedidas polo Exército- e os espazos de acollida se for preciso.
Nas instalacións daráselles ás e aos usuarios servizo de duchas e aseo con
produtos de hixiene; almorzo, comida e cea, así como aloxamento, dentro dunha
zona habilitada para o descanso. Benestar Social e a Forza de Loxística Operativa
(FLO) acondicionaron estes días o multiusos para que poidan durmir e teñan
ademais un apartado en que realizaren as comidas.
Deste xeito, o persoal aproveitará o tempo en que xantan para limpar a zona de
descanso e en todo momento se gardarán as medidas de seguridade e prevención
decretadas polo Estado. As persoas usuarias estarán separadas tanto nestes dous
apartados como en varias zonas internas para o esparexemento, incluída tamén
unha exterior entre o pavillón e o estadio de Riazor.
Nun dos accesos ao pavillón onde estará habilitada a entrada, persoal do Sergas
realizaralles unha triaxe e ademais, unha vez dentro, tomaráselles a temperatura e
controlarán o seu estado polo menos dúas veces ao día.