lunes, 23 de marzo de 2020

Luar Na Lubre publicará o venres 27 de marzo os singles Benvido e Mártiros e o vákner, un dobre adianto do seu novo álbum


O disco Vieiras e vieiros. Historias de pereginos fía un relato arredor das historias das vivencias das persoas que transitaron polo Camiño de Santiago

A Coruña, 23 de marzo de 2020.- Luar Na Lubre estreará esta semana os singles Benvido e Mártiros e o vákner, un dobre adianto do seu novo traballo discográfico. Os temas, que se publicarán o venres 27 de marzo, son os primeiros cortes que se avanzan do 19º disco da banda, Vieiras e vieiros. Historias de peregrinos, un álbum no que Luar Na Lubre explora os escritos, as lendas, as sonoridades e as pegadas que os peregrinos deixaron a través dos múltiples sendeiros que conforman o Camiño de Santiago ao seu paso polo territorio galego. O disco conta co apoio da Xunta de Galicia a través do programa O teu Xacobeo.

O factor humano da vía xacobea é o fío que tece un relato plural que abrangue diversas épocas, voces e contextos. O primeiro dos singles, Benvido, é un canto de benvida e de presentación aos peregrinos que chegan a Galicia a través do Camiño; mentres que o segundo, Mártiros e o vákner, pon o foco sobre a lenda da ruta xacobea que aborda a peregrinación do armenio Mártiros e o seu encontro nos montes de Dumbría cunha besta maligna á que nomeou vákner.


Luar Na Lubre
Luar Na Lubre xurdiu en 1986 na Coruña co obxectivo de dar a coñecer a música e a cultura galega. Após tres décadas de traxectoria, con 18 discos publicados e máis de 1.500 concertos, o grupo, unha referencia a nivel internacional da música folk, situou Galicia nos escenarios de máis de 30 países de todo o mundo.

A constancia e a fidelidade ao universo folk definen, desde os seus inicios, o traballo de Luar Na Lubre. Desde a publicación de O son do ar (1988), tema que chegou versionar Mike Oldfield, o grupo procurou o seu propio son, tendo como inspiración primaria a música galega. Hoxe en día, cunha identidade propia recoñecible e consolidada, a música de Luar Na Lubre forma parte non só do imaxinario, senón do patrimonio colectivo.

Tras o éxito de Ribeira Sacra (2018), este 2020 o grupo regresará os escenarios para presentar o seu novo disco de estudio, Vieiras e vieiros. Historias de peregrinos, un álbum que visualiza o patrimonio artístico, cultural e natural do antigo camiño das estrelas a través das historias de quen percorreu os seus vieiros: os peregrinos.