martes, 17 de marzo de 2020

Comunicado Oficial da Concellería de Medio Ambiente


Ante a comunicación do Sindicato das e dos Traballadores da Limpeza (STL) de Cespa, empresa encargada da Recollida de Residuos Sólidos Urbanos e Limpeza Pública Viaria, sobre a suspensión da súa actividade profesional, que acudirán aos seus postos de traballo, pero sen saíren a desempeñar ningún servizo a partir das 22.00 horas deste mesmo día, a Concellería de Medio Ambiente quere manifestar o seguinte:

1. A Concellería determinou onte a situación e recolocación de aseos portátiles repartidos por varios puntos da cidade. Estes nove urinarios que, xunto aos xa existentes farán un total de case 50, daranlles servizo esencialmente ás e aos traballadores de servizos públicos básicos que deben proseguir a súa actividade na rúa, tal e como reflicte o Decreto do Estado.

2. Ademais, comunicoulles a todas as empresas concesionarias de aparcadoiros públicos dependentes do concello que deberán abrir os seus aseos as 24 horas do día para todas aquelas traballadoras e traballadores de servizos básicos que necesiten utilizalos.

3. A Concellería de Medio Ambiente seguiu para iso as suxestións que algunhas empresas concesionarias lles achegaron para colocar os baños, como no caso dos que están situados nas cabeceiras de liña dos autobuses. Unha vez que se instalen todos os váteres ao longo desta mañá, comunicaráselles a actualización das localizacións ás empresas concesionarias de transporte público, limpeza e recollida de residuos, mantemento de parques e xardíns, e todos aqueles servizos públicos básicos municipais. Así mesmo, publicaranse na nosa web. 4. A Concellería de Medio Ambiente entende que a demanda do sindicato STL está deste xeito satisfeita, polo que non entendería que se deixase de prestar un servizo esencial para garantir a salubridade e hixiene da cidade, máxime nun Estado de Alarma provocado por unha crise sanitaria como a que desafortunadamente vivimos.

5. Solicítaselle, por tanto, ao cadro de persoal deste servizo básico que cumpra cun cometido tan importante como o da limpeza na cidade, posto que entendemos que as demandas trasladadas a esta concellería xa foron atendidas. 6. Por iso, esperamos que o servizo funcione con normalidade a partir das 22.00 horas de hoxe en vista das actuacións levadas a cabo pola Administración municipal.

7. No caso de que se interromper este servizo básico esencial e seguindo o establecido no Decreto do Estado de Alarma, anunciado o pasado sábado día 14 de marzo polo Goberno central, o concello tomaría todas as medidas legais ao seu alcance para garantir a limpeza da cidade ante o problema sanitario en que nos atopamos.