O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe
en Xermade nos actos con motivo do Día da Eficiencia Enerxética, organizados no
parque eólico de Sotavento, e nos que participaron alumnos e alumnas de 3º da
ESO do IES Urbano Lugrís (Malpica de Bergantiños) e do Máster de
Aproveitamento e Eficiencia Enerxética da Universidade da Coruña
Apelou ao traballo conxunto de Administracións, cidadáns e empresas para
impulsar iniciativas vinculadas ás renovables que garantan máis aforro enerxético
e maior benestar social
Publicados hoxe no DOG os mecanismos que permiten a posta en marcha do
rexistro de autoconsumo
Xermade (Lugo), 4 de marzo de 2020.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria,
Francisco Conde, participou hoxe nos actos organizados no parque eólico de Sotavento con
motivo do Día da Eficiencia Enerxética, que se conmemora mañá. Na visita acompañou a
alumnos e alumnas de 3º da ESO do IES Urbano Lugrís (Malpica de Bergantiños) e do
Máster de Aproveitamento e Eficiencia Enerxética da Universidade da Coruña.
Conde destacou a importancia de concienciar e sensibilizar á cidadanía na eficiencia
enerxética como unha aposta polo desenvolvemento da vida diaria das familias e do tecido
empresarial. “Administración, cidadáns e empresas temos que traballar conxuntamente para
impulsar iniciativas que nos encamiñen a unha Galicia máis verde que asegure máis aforro
enerxético e un maior benestar social”, sinalou o conselleiro.
Esta semana estanse abrindo liñas de axudas, valoradas en 4,5 millóns de euros, para que
as familias poidan impulsar proxectos vinculados ás renovables. Estes novos apoios
contemplan proxectos pertencentes aos eidos da biomasa, a enerxía solar fotovoltaica, a
xeotermia, a solar térmica e a aerotermia. De momento, xa se esgotou o crédito para as
solicitudes de biomasa e fotovoltaica.
Estas medidas coinciden coa publicación hoxe no DOG dos mecanismos que permiten a
posta en marcha do rexistro do autoconsumo, que regula tanto o procedemento de
comunicación de instalacións de autoconsumo conectadas en baixa tensión e potencia
instalada menor de 100kW, como o procedemento de contestación das empresas
distribuidoras. Estes procedementos contarán cunha xornada explicativa dirixida a
distribuidoras e profesionais do sector, que se celebrará mañá no edificio administrativo de
San Caetano.
O titular de Economía, Emprego e Industria subliñou o compromiso da Administración coas
enerxías renovables, apelando ao tecido industrial para que adopten modelos que garantan
tanto a súa competitividade como a súa sustentabilidade.
Deste xeito, Conde apuntou aos beneficios que supón apostar pola eficiencia enerxética,
incluíndo melloras no rendemento industrial, aumento da renda nas familias e a preservación
do medio ambiente, sinalando tamén que Galicia é un referente a nivel europeo, cun
consumo final de enerxía renovable do 37,2%, por riba dos obxectivos marcados pola UE na
denominada Axenda 2030.