miércoles, 12 de febrero de 2020

Tanxugueiras presenta este sábado 15 en Oleiros o seu novo álbum, Contrapunto, e asinarán discos na FNAC o venres 14


A nova cita ao vivo da xira, rebordante da enerxía que caracteriza ao trío de pandereteiras, terá lugar ás 20.30 horas no centro cultural A Fábrica

O grupo tamén ofrecerá este venres 14 un showcase e asinará discos a partir das 19.00 horas na Coruña, no espazo da FNAC situado na praza de Lugo

12 de febreiro de 2020.- Tanxugueiras presenta este sábado 15 en Oleiros o seu segundo disco, Contrapunto, un álbum no que as pandereteiras Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro exploran os límites da música tradicional a partir da recollida de letras populares.

Logo de encher a Sala Capitol de Santiago de Compostela o pasado 2 de febreiro, a nova cita da xira de presentación de Contrapunto terá lugar o vindeiro día 15, a partir das 20.30 horas, no auditorio do centro cultural A Fábrica, no marco do ciclo Voces cálidas para noites de inverno. O directo do grupo, ateigado da rebordante da enerxía que caracteriza as pandereteiras, conta cunha coidada posta en escena acompañada dun xogo de luces que pretende implicar ao público cos relatos que transmiten as cancións. As entradas para o concerto poderanse adquirir, por 2,50 euros, no propio centro cultural dende unha hora antes do seu inicio.

O novo disco de Tanxugueiras contén un relato maduro, cheo de matices e renovador. Contrapunto, no que Aida, Olaia e Sabela asumiron a súa definición artística e musical coa colaboración de Isaac Palacín, propón dez temas confeccionados a partir de letras tradicionais e renovados con arranxos actuais. Con elas, o grupo fía cinco relatos, cada un coa súa cara e a súa cruz, nos que cantan ao empoderamento da muller, á deslealdade e á traizón, á liberdade política, á amizade, á vida, á liberdade de decisión, a crítica á ditadura ou ao desengano.

O álbum, editado por Calaverita Records e PlayPlan, está dispoñible en todas as plataformas dixitais para a súa escoita e para a venda en tendas físicas e online, así como nos concertos do grupo, nunha xira que continuará o domingo 23 de febreiro nas Pontes de García Rodríguez e no mes de marzo nas localidades de Cangas, Vilalba e Monterroso.

Ademais da actuación desta fin de semana na Fábrica, Tanxugueiras regresa este venres á cidade da Coruña nun formato de encontro co público máis próximo. O trío ofrecerá este venres, 14 de febreiro, a partir das 19.00 horas, un showcase en acústico no espazo FNAC situado na praza de Lugo. Na cita, que dará pé a unha sinatura de discos, o grupo interpretará unha pequena mostra dos temas do novo álbum.

Tanxugueiras nos Mestre Mateo 2020
Tanxugueiras estará presente na cerimonia dos XVIII Premios Mestre Mateo. A peza audiovisual que acompaña o single Perfidia é un dos traballos finalistas da categoría Mellor videoclip nos galardóns que outorga a Academia Galega do Audiovisual (AGA) e que se entregarán o vindeiro 7 de marzo na cidade da Coruña.

Perfidia, o segundo single de Contrapunto, é un canto sobre deslealdade e traizón que, mediante letras recollidas en diferentes puntos do país, constrúen un relato actual da ruptura da confianza na amizade. O videoclip, que se gravou na cidade de Pontevedra, estreouse o pasado 15 de novembro nas redes sociais. Con esta candidatura, as e os membros da AGA recoñecen cos seus votos o impactante traballo da produtora Trece Amarillo que ten ás propias pandereteiras como protagonistas.