En mais de 25 centros de Galicia hai Equipos de apoio LGBT.
Mañá xoves día 20, ás 18:00 horas no Centro Cívico Cidade Vella, farase a presentación
da Rede Educativa LGBTIQ+ de Galicia.
Co obxectivo de combater os prexuízos LGBTIfóbicos existentes e que constitúen a base
de condutas discriminatorias que poden culminar en situacións de violencia de xénero,
acoso escolar homofóbico e delitos de odio, viñéronse creando nos últimos anos
Equipos de apoio LGBT en diferentes centros de ensino de Galicia como os do IES
Politécnico, do IES Carlos Casares, do IES Ricardo Mella e do IES Os Rosais II de Vigo, do
IES Agra de Orzán e do IES Eusebio da Guarda da Coruña, do IES Maruja Mallo de Ordes,
IES Xosé Neira Vilas de Oleiros, IES Punta Candieira de Cedeira, CPR Andaina de
Culleredo, IES Allariz, etc., funcionando en mais de 25 centros educativos.
Ana Ojea, cofundadora da Rede, comenta que “A importancia da Rede reside no feito
de que é o propio profesorado do sistema educativo galego quen toma a iniciativa na
defensa dos dereitos das persoas LGBT e a súa visibilidade nos centros educativos,
loitando contra a discriminación e o acoso escolar LGBTIfóbico, construíndo escolas mais
libres e seguras para todas as persoas integrantes das comunidades educativas”.
Nestes centros constituíronse, así, asembleas de alumnado LGBT, e deseñado
actividades na procura da necesaria sensibilización, coñecemento e concienciación
sobre a diversidade afectivo-sexual, a diversidade familiar e as diversas identidades
de xénero, para lograr modificar as condutas fóbicas, e fomentar a participación e o
exercicio da cidadanía como instrumentos imprescindibles para o libre e digno
desenvolvemento humano, neste caso en materia de igualdade na diversidade.
A igualdade garante o respecto aos dereitos fundamentais de todos e todas e contribúe
a unha sociedade máis xusta, tendo o sistema educativo un papel moi importante no
asentamento deste principio desde os primeiros niveis de escolarización.
Na Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia colaboran xa mais de 200 persoas do
mundo da Educación. Os obxectivos principais son os de ofrecer asesoramento e apoio,
crear sinerxías e poñer á disposición da rede os distintos recursos educativos que se
van creando. A rede está aberta a profesorado dos centros educativos de Galicia, así
como a profesionais de outros ámbitos relacionados coa educación (orientadorxs,
educadorxs, sexólogxs, psicólogxs, etc.).