Canto aos envelenamentos de mascostas que foron denunciados nestes últimos
días na cidade, Esther Fontán solicitou á Patrulla Verde da Policía Local que
“extreme a súa presenza nestes emprazamentos co obxectivo de poñer coto a
estas perversas prácticas”
A Coruña, 20 de febreiro de 2020.- A Concellería de Medio Ambiente anuncia que
reestruturará as colonias felinas existentes na cidade. Segundo a titular desta
concellería, Esther Fontán, procedeuse a “unha reorganización das colonias felinas
que xa existían co fin de conseguir a medio prazo unha mellora na calidade de vida
da poboación felina salvaxe garantindo así mesmo unha óptima convivencia destes
animais cos veciños”.
Desde a mesma concellería tamén aseguran que se están a ultimar os acordos coas
asociacións para a implantación de novas colonias felinas en Palavea, Antonio Ríos,
A Silva e avenida de Oza.
Ademais, impulsaranse novas medidas na búsqueda dunha forma de colaboración
máis equitativa entre o concello e as asociacións co fin de evitar a demora no
método CES (Captura, Esterilización e Solta) empregado. Con estas novas medidas
contribuirase a medio prazo a reducir o número de gatos rueiros non controlados na
cidade.
Actualmente, as colonias que se atopan en funcionamento son as da Falperra,
Parque de Santa Margarida, Náutica, Praia de Oza, Barrio das Flores,
Oceanográfico, Os Rosais, Pavo Real, Menhires e a Torre. A esta última colonia, a da Torre, estáselle a buscar unha localización alternativa debido á especial
protección da contorna do noso faro.
Mascotas envelenadas nos parques da cidade
Seguindo a política de protección que o Goberno local leva a cabo cos animais da
cidade e ante a denuncia por parte de varios donos e donas de cans envelenados
en parques e xardíns da cidade nos últimos días, a Concellería de Medio Ambiente
solicita a intervención da Policía Municipal.
As denuncias das persoas propietarias destes cans aseguran que as súas mascotas
foron envelenadas e que atoparon comida canina con elementos punzantes no seu
interior en varios parques da cidade. Fontán solicitou á Patrulla Verde da Policía
Local que “extreme a súa presenza nestes emprazamentos co obxectivo de poñer
coto a estas perversas prácticas”.
Desde a Concellería aproveitan para lembrar á veciñanza que, como é preceptivo,
manter aos cans con correa durante os seus paseos diarios é un bo medio para
controlar o que inxeren.