jueves, 20 de febrero de 2020

O concello colaborará na proclamación do Premio Fundación Princesa de Girona presidido pola raíña dona Letizia


A Súa Maxestade visitará o venres 28 de febreiro as instalacións do Centro Ágora ao longo dunha xornada que culminará co acto de nomeamento das gañadoras e gañadores da categoría social 2020

A cidade será a segunda parada da xira anual na que se anunciarán os cinco mozas e mozos que destacan polo seu compromiso social e a súa traxectoria

A Coruña, 20 de febreiro de 2020.- O concello colaborará no acto presidido pola raíña dona Letizia o vindeiro venres 28 de febreiro no Centro Ágora, en que se proclamará o Premio Fundación Princesa de Girona na categoría social 2020. A cidade será a segunda parada da xira anual na que se anunciarán os cinco novos mozos e mozas que destacan polo seu compromiso social e a súa traxectoria.

A Súa Maxestade visitará as diferentes actividades que se organizarán ao longo da mañá e que culminarán co veredicto das distincións, a partir das 12.30 horas. Logo de que se reúna un xurado formado por persoas expertas para deliberar as e os gañadores, terá lugar o nomeamento, en que participarán ademais das/os premiadas/os da fundación, o xornalista e humorista Juan Carlos Ortega e o emprendedor Xavier Verdaguer, entre outras persoas. Antes, organizarase no vestíbulo do edificio unha actividade paralela, en que 250 estudantes da comunidade traballarán en equipo para resolver o reto “Só na casa: ideas para previr a soidade das persoas maiores”. Galicia participa por segundo ano consecutivo na xira de proclamacións da Fundación, despois de que Santiago de Compostela fose escenario o ano pasado do anuncio do Premio Investigación Científica en 2019.