Programa 👆
A Coruña, 12 de febreiro de 2020.- As concelleiras de Festas e de Benestar Social,
Diana Cabanas e Yoya Neira, presentaron esta mañá a programación deste
Entroido, que terá como imaxe un deseño da coruñesa Rosa Triay “nesa teima por
impulsar o talento local”, e que lle deu unha volta á famosa frase de María Pita,
figura central do cartel, para crear unha nova consigna ‘Quen queira troula que me
siga’, coa que se anima a veciñanza a que poña unha perruca e pise o asfalto.
Cabanas sinalou que as persoas protagonistas desta festa popular serán as
coruñesas e os coruñeses e que aínda que o groso do programa está reservado
para a fin de semana do 22 e o martes de Entroido, a primeira das citas será xa este
venres co Concurso da Orella de Radio Voz e seguirá co de comparsas, en
modalidade de música e letra, o sábado ás 18.00 horas no Teatro Colón, onde sete
agrupacións amosarán as súas creacións e para a que se repartirán convites, un
máximo de dous por persoa, desde mañá no quiosco da praza de Ourense.
A edila destacou a ofrenda floral que se realizará en homenaxe ás cigarreiras o
Xoves de Comadres, ás 20.00 horas, na praza da Palloza, e o percorrido posterior
en tributo “ás nosas mulleres, que pasará pola estatua de Pardo Bazán, o Teatro
Rosalía, a praza de María Pita e as rúas máis céntricas”. Desde a exaltación á filloa
no certame de Radio Voz o día 21 ao torneo choqueiro de petanca do martes pola mañá, Cabanas repasou os principais eventos coa entronización do deus Momo no
Obelisco o venres, ás 21.00 horas, que irá precedida por unha ofrenda floral a Nito,
ás 19.30 na avenida Pedro Barrié de la Maza. En Monte Alto quedará instaurado
esa noite o velorio da sardiña no Art T Café, en Santo Tomás, e o Entroido montará
en carroza o sábado, cun desfile no que están inscritos ata 27 grupos que loitarán
por premio na categoría de vestiario e coreografía. Partirán ás 17.30 horas do
Cantón Pequeno, “todo un festival para os sentidos que terminará en cumbia coa
Orquesta La Ocaband en María Pita”. A edila destacou a xornada do martes, que
empezará ás 12.45 horas “cando nos despracemos a tributar os grandes de noso
Entroido. Non quixeramos que fose tan cedo, pero este ano engadímoslles un novo
nome aos mellores choqueiros que xa non están. Fernando Amaro recibirá unha
homenaxe moi sentida na rúa Areal, xunto ás de Canzobre, César San José e Juan
Manuel Iglesias Mato ‘Palau’”.
Pola tarde, a festa trasladarase á Torre “na rúa e no escenario, ao que se subirán as
persoas participantes dos concursos individuais e colectivos de disfraces”, nunha
cita á que Gandy e a Banda do Camión lle poñerán ritmo e que terminará coa
entrega de premios dos certames, ás 21.00 horas, para despedírmonos do Entroido
o mércores co tradicional enterro da sardiña en Santo Amaro. Cabanas agradeceu a
presenza do persoal representante das comparsas na rolda de prensa “que viven
con paixón esta festa do pobo”, que este ano será aínda máis participativa e
inclusiva coa posta en marcha do “Tramo sen ruído”, do que falou Yoya Neira e polo
que tamén estiveron presentes persoas dos colectivos Aspanaes e de Asperga.
A responsable de Benestar Social explicou que se realizará un anaco do desfile do
sábado en silencio para favorecer a inclusión das nenas e nenos con
hipersensibilidade acústica, “unha materia obrigatoria a da inclusión e a de darlle
visibilidade a un problema que está detrás dunha cortina”. Pola súa parte, Romualdo
dos Maracos convidou xunto a Chucas, de Monte Alto a 100, a que a veciñanza se
disfrace “porque se pasa moi ben”.