O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta
tarde na Coruña nas I Xornadas Internacionais Madeira 2020
Conde destaca a aposta de Galicia pola bioeconomía para contar cunha Galicia
Verde, onde a bioconstrución xoga un importante papel
A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano 14M€ á Axenda
da Industria Forestal para avanzar na incorporación de novas tecnoloxías, na
innovación e no ecodeseño
A Coruña, 7 de febreiro de 2020.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria,
Francisco Conde, participou esta tarde na Coruña nas I Xornadas Internacionais de Madeira
2020 organizadas pola Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) en colaboración coa
Escola de Arquitectura de Cesuga, onde subliñou que Galicia aposta polo talento verde e
polas novas tecnoloxías para impulsar a construción en madeira e o crecemento da industria
forestal.
Na súa intervención, o conselleiro referiuse a aposta da Xunta pola bioeconomía no seu
obxectivo de contar cunha Galicia máis verde. Neste sentido, a Consellería pretende
fortalecer o talento verde apostando polo sector forestal. Lembrou que nos últimos 4 anos se
investiron preto de 45 millóns de euros en axudas ao sector para mellorar a formación
-con máis de 3600 beneficiarios- e estimular a transformación dixital. E este ano
executaranse 14M€ da Axenda da Industria Forestal para incorporar as novas tecnoloxías, a
innovación e o ecodeseño.
Conde destacou o compromiso da Xunta pola bioconstrución, na que a madeira ten un papel
protagonista pola súa natureza reciclable, a súa capacidade para absorber CO2 ou pola
maior eficiencia enerxética. A Xunta, ademais de promocionar as vantaxes de construír con
madeira está executando proxectos exemplares utilizando a madeira en edificios públicos
como centros de saúde, escolas infantís ou edificios administrativos.
A industria da madeira continúa a súa expansión e, así, en 2018 facturou un 2% mais que o
ano anterior, 230M€; emprega a máis de 21.000 persoas e incrementou un 4,6% o seu
volume de exportacións. A presenza internacional da madeira galega é cada vez maior
grazas ao sector do contract no que traballan un centenar de empresas que desenvolven a
súa actividade en máis de 100 países con 9000 proxectos.