Como recoñecemento ao rendemento académico dos estudantes de ensinanzas artísticas
superiores, que non estaban contemplados nas convocatorias anuais dos Premios Fin de
Carreira da Comunidade Autonómica
A Coruña, 13 de febreiro de 2020.- A Consellería de Educación, Universidade e Formación
Profesional vén de convocar, por primeira vez, os Premios Fin de Carreira para o alumnado que
remata os seus estudos de ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia, que non
estaban incluídos nas convocatorias anuais destes galardóns para titulados de ensinanzas
superiores.
Así o recolle o Diario Oficial de Galicia do pasado venres, tal e como apuntou hoxe a conselleira de
Educación, Carmen Pomar, no decurso dunha visita institucional á EASD Pablo Picasso da Coruña,
co fin de coñecer as instalacións deste centro e entrevistarse co equipo directivo.
O obxectivo destes Premios -que xa existen para o resto de graos universitarios- é que os estudantes
de ensinanzas artísticas superiores de Galicia estean en igualdade de condicións e de oportunidades
que o resto dos titulados universitarios no que atinxe á excelencia no rendemento académico e ao
recoñecemento do seu esforzo, traballo e dedicación. Uns premios que ademais do recoñecemento
oficial aos mellores expedientes académicos, levan aparellados unha dotación económica dun
máximo de 3.000 euros.
En total poderán concederse ata seis premios, a razón de 2 para as ensinanzas superiores de
Música, outros 2 para ensinanzas superiores de Deseño, 1 para ensinanzas superiores de Arte
Dramática e outro para ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais.
Entre os requisitos (que poden consultarse no DOG ) cómpre salientar ter finalizado os estudos das
titulacións artísticas antes sinaladas no curso 2018-19 cunha puntuación media no expediente
académico igual ou superior a 8,5 puntos. Os interesados deberán formular as solicitudes de xeito
exclusivamente electrónico na sede electrónica da Xunta de Galicia ( https://sede.xunta.gal ) ou polo
sistema Chave365 ( https://sede.xunta.gal/chave365 )
EASD Pablo Picasso, de longa tradición
Durante a súa visita a EASD Pablo Picasso, a conselleira Carmen Pomar destacou o alto grao de
prestixio e profesionalidade desta Escola, así como a súa longa tradición histórica, xa que nela
estudou os primeiros cursos Pablo Picasso antes de trasladarse a vivir a Barcelona.
Na actualidade a escola, que conta con 469 alumnos matriculados, oferta os Estudos Superiores de
Deseño (título equivalente a grao universitario), Ensinanzas Profesionais de artes Plásticas e Deseño
e Ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño nos ámbitos da Fotografía;
Dourado, Prateado e Policromía; Escultura aplicada ao espectáculo; Técnicas Escultóricas, Cerámica
Artística e Ilustración.