Convocado pola Obra Social de ABANCA, a Xunta de Galicia e o Centro Pen de
Galicia, está dotado cun premio de 6000 € e a publicación da obra
O prazo para a entrega dos orixinais finaliza o 31 de maio de 2020
20.02.2020. Afundación, a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e o
Centro Pen de Galicia convocan a décimo oitava edición do Premio de Poesía
Afundación co obxectivo de recoñecer libros de poemas escritos en lingua galega. As
bases pódense consultar nesta dirección web.
As persoas interesadas en participar poderán presentar obras inéditas, que non
concorresen a ningún outro concurso e cunha extensión mínima de 600 versos, ata o
31 de maio de 2020. O xurado cualificador estará constituído por cinco persoas de
recoñecido prestixio no ámbito literario, e como presidente exercerá o titular do
Centro Pen de Galicia, Luís G. Tosar. A súa decisión farase pública a través dos medios
de comunicación no verán de 2020. O texto gañador recibirá un único premio de 6000
euros e será publicado, ademais, na colección «Arte de Trobar», editada polo Centro
Pen de Galicia e Afundación.
A HISTORIA DO PREMIO
O galardón nace no ano 2002 a instancias do Pen Club de Galicia e de Afundación co
obxectivo de reforzar a imprescindible produción poética en galego e continuar o
enriquecemento da creación cultura galega actual.
No seu elenco de gañadores figuran poetas como Xavier Seoane, María do Cebreiro,
Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle
Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello e Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa,
Gonzalo Hermo ou Miguel Sande, gañador da pasada convocatoria.
Esta edición número dezaoito conta co apoio e a participación da Consellería de
Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Políticas
Culturais, que vén colaborando desde hai anos con esta cita de referencia na axenda
cultural galega, ao tempo que estimula a creación literaria. Afundación e o Centro Pen
de Galicia, tras dezaoito anos de implicación e compromiso coa poesía e coa literatura
galegas, continúan traballando por un xénero indispensable que, aínda que
minoritario, serve de alicerce para a consolidación da renovación estética e para a
normalización da lingua galega.