A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou esta mañá na xornada
‘Informa, apoia e asesora en economía social’, dirixida a persoal técnico
O Goberno galego ten aberto o prazo de solicitude para acceder a cinco ordes de
axudas
A Coruña, 20 de febreiro de 2020.- A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca,
participou esta mañá na Coruña, na xornada Informa, apoia e asesora en economía social,
dentro dos encontros que se están realizando en diversas localidades galegas co obxectivo
de informar ao persoal técnico sobre os recursos, servizos e axudas existentes para as
empresas de economía social.
Covadonga Toca destacou o crecemento da economía social en Galicia, un sector que dá
emprego a 25.000 persoas e agrupa a 74.000 como persoas socias, comuneiras ou
mutualistas. A secretaria xeral tamén puxo en valor o traballo da Rede Eusumo que conta
con 210 entidades adheridas -entre as que se atopan 150 concellos- ás que agradeceu a
súa colaboración para impulsar este modelo. Ao longo da xornada, os asistentes tiveron a
oportunidade de afondar en aspectos fundamentais da economía social, así como de
coñecer os recursos dispoñibles para poder asesorar nos procesos de creación e
consolidación deste tipo de empresas.
A través da Estratexia Galega de Economía Social, a Consellería de Economía, Emprego e
Industria xa ten activadas cinco convocatorias de axudas e dúas de premios cuxo prazo de
solicitude está aberto. Trátase, en concreto, do programa Aprol Economía Social para apoiar
ás cooperativas ou sociedades laborais para a incorporación de persoas socias. Tamén as
axudas a empresas de inserción para apoiar o emprego de persoas con dificultades para
acceder ao mercado laboral; apoios ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo na
realización de actividades para o fomento do cooperativismo e da economía social; así como
axudas para o funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, sociedades
laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción.
A principal novidade deste ano é unha iniciativa que apoiará a entidades sen ánimo de lucro
con experiencia en programas de inserción para o deseño de proxectos de capacitación para
o emprego dunha duración mínima de dous anos. A estas convocatorias súmanse tanto os
Premios á cooperación que cada ano recoñecen o labor das cooperativas, como o certame
de Cooperativismo no ensino, tamén abertos.