O encontro terá lugar o 28 de marzo no centro sociocultural Cidade Vella
A xornada contará coa presenza de máis de dez autoras e artistas
O vindeiro 28 de marzo, a cidade da Coruña acollerá o I Congreso sobre
Diversidade afectivo-sexual na Literatura. A organización parte da asociación
LesCoruña (Mulleres pola igualdade e visibilidade lésbica) que, con este encontro,
busca “visibilizar e ofrecer referentes diversos nos que as persoas se sintan
reflectidas”, segundo explicou Noemí Díaz, en representación de LesCoruña. “Os
libros son un reflexo da realidade, de aí que escolleramos o ámbito literario. Nas
lecturas podemos ser protagonistas e a un tempo divertirnos. Nun libro pódese
crear un espazo de liberdades, de seguridade, de equidade”, puntualizou.
A Concelleira de Igualdade da Coruña, Yoya Neira, resaltou a necesidade deste tipo
de eventos para visibilizar a diversidade, tanto a nivel afectivo-sexual como
lingüístico.
Autoras e artistas
A xornada reunirá a máis de dez autoras e artistas do mundo da tradición oral e da
música. “A súa escolla non foi doada porque sempre que se fai unha selección
queda xente fóra. Buscabamos dúas características simultáneas: a súa implicación
co uso da lingua galega ou reivindicación das linguas minorizadas e o seu apoio á
diversidade afectivo-sexual”. Aínda que este ano é unha edición pechada, desde a
organización agardan poder contar coa implicación cidadá a partir do 2021. Para
iso abrirase unha fase de propostas nas que a xente poderá transmitir as súas
inquedanzas ao redor da igualdade.
O faladoiro, que se celebrará no Centro Cívico Cidade Vella, busca ser un punto
de encontro. Por iso, tras a presentación oficial, comezará coa intervención do
Club de lectura Queeruña das Bibliotecas Municipais da Coruña onde as
persoas usuarias e organizadoras compartirán esta experiencia pioneira en Galicia.
Eli Ríos, Beatriz Maceda, María Rosendo, Daniel Asorey, María Reimóndez,
Eva Mejuto, Andrea Nunes e Brigitte Vasallo explicarán a súa realidade como
autoras. Entre as palestras haberá tempo para o café no que ponentes e asistentes
poderán compartir palabras dun xeito distendido. Antes de pechar a xornada, a
regueifeira Alba María ofrecerá unha bollorregueifa. E, para finalizar, o cantante
asturiano Rodrigo Cuevas actuará na sala Mardi Grass continuando co ambiente
festivo de todo o día, nunha performance específica para o congreso.
Concerto
As entradas para o concerto de Rodrigo Cuevas, que será ás 22:00 na sala Mardi
Grass, poderán adquirirse a partir das 10:00 do mércores 6 de febreiro na
plataforma Eventbrite. O seu prezo é de 15€ máis gastos de xestión.
O I Congreso sobre Diversidade afectivo-sexual na Literatura, conta co apoio da
área de Igualdade do Concello da Coruña e da Asociación de Escritoras e
Escritores en Lingua Galega (AELG). Tamén é posible grazas á colaboración da
Libraría Berbiriana que terá un posto durante toda a xornada e ao deseño gráfico
da man de A Muller de seis ollos.
Máis información en http://ow.ly/orPP30qgCAR [PDF]