viernes, 28 de febrero de 2020

A Cidade Vella festexa o Entroido pequeno con música, actividades e sobremesas típicas


A cativada protagonizará mañá unha nova iniciativa impulsada pola veciñanza e as empresarias e os empresarios do barrio, na que haberá inchables, concurso infantil de disfraces e moitas sorpresas

A Coruña, 28 de febreiro de 2020.- A Cidade Vella celebrará mañá o Entroido pequeno cunha xornada en que as nenas e os nenos serán os principais protagonistas. Organizada pola Asociación de Veciños e Empresarios da Cidade Vella (AVEC) e co apoio do concello, esta iniciativa nace coa aspiración de que sexa esta parte histórica da Coruña a que despida estas festas a golpe de comparsas e entretemento para a rapazada. 

A partir do mediodía, as comparsas Monte Alto a 100 e os Kilombeiros poñeranlle ritmo a unha praza da Fariña (Azcárraga) que acollerá un concurso infantil de disfraces e un segundo de filloas e de orellas, para os que se repartirán diferentes premios e nos que haberá sorpresas. Non é necesario inscribirse. Ademais, ata as cinco da tarde e se a climatoloxía o permite, instalaranse dous inchables co fin de que os e as pequenas pasen un día divertido, así como un obradoiro de pintura. Os locais da Cidade Vella tamén contribuirán á festa repartindo sobremesas típicas entre a súa clientela.