LUIS SEOANE NO MUSEO DE BELAS ARTES DA CORUÑA.
O LEGADO DE MARUXA SEOANE
CONTIDO
O Museo de Belas Artes da Coruña posúe unha importante colección de obras pertencentes a Luís Seoane, un dos máis grandes artistas galegos representante das vangardas históricas do século XX e figura indiscutible do sentir cultural e político do exilio e a emigración galega en Bos Aires e América.
As obras foron legadas ao Museo a través da Asociación de Amigos do Museo de Belas Artes por vontade da súa viúva, Elvira Fernández (Maruxa Seoane) que dedicou o seu esforzo ao fomento, conservación, retorno e difusión en Galicia do legado do seu home. Dito legado componse de 42 óleos, 252 gravados soltos e en cartafoles, e 6 libros ilustrados.
Partindo das obras que integran a citada colección, onde se representa un amplo abanico de temas, técnicas e estilos, o discurso expositivo pretende facer un achegamento á obra do pintor, desde principios dos 50 ata pouco antes do seu falecemento en 1979, ao longo de catro grandes bloques temáticos que ocuparon un importante lugar no seu universo iconográfico: a muller galega, a natureza e a paisaxe, a guerra e a denuncia social e os mitos, tradicións e lendas, temas todos eles que nos falan da existencia dun pasado cultural e unha iconografía propia.
Ademais, a exposición incorpora unha sección introdutoria de carácter pedagóxico, onde se desmenuzan, baixo unha formulación estritamente didáctica, as distintas facetas desenvoltas ao longo da súa obra (pintor, gravador, ilustrador, cartelista), así como os procedementos e as técnicas empregadas. Con axuda de obras orixinais, vídeos, textos e maquetas nesta sección explícansenos as distintas técnicas de gravado empregadas (xilografía, serigrafía e litografía), a evolución estilística e formal das súas representacións ou a actividade despregada como deseñador gráfico.
Desde o 7 de xaneiro ao 8 de marzo de 2020
VISITAS LIBRES
A partir do 11 de xaneiro de 2020
-Sábados ás 18:30 horas
GRUPOS CULTURAIS
-Mércores ás 18:30 horas
-Xoves e venres ás 12:00 horas
Máximo 25 persoas, mínimo 15 persoas.
Solicitude: mu.belas.artes.difusion@xunta.gal
GRUPOS ESCOLARES
Para grupos de 5º e 6º de Primaria, ESO e Bacharelato.
-Martes e mércores ás 11:00 e ás 12:30 horas
-Martes 15:30 horas
Máximo 30 alumnos por hora e grupo, mínimo 15 alumnos (un aula)
Solicitude: mu.belas.artes.difusion@xunta.gal
Máis información en http://museobelasartescoruna.xunta.gal