lunes, 27 de enero de 2020

Saen mañá á venda as entradas para o concerto do 25 de xuño de Alejandro Sanz no Coliseum



Será a primeira vez en que as localidades se despachen de xeito nominal, un procedemento que o multiusos adoptará paulatinamente co fin de evitar o curso ilegal de tickets e que limitará a catro, as unidades máximas en cada compra

A Coruña, 27 de xaneiro de 2020.- Mañá saen á venda, a partir das 10.00 horas, as entradas para o concerto que Alejandro Sanz ofrecerá no Coliseum o vindeiro 25 de xuño. Poderanse adquirir no Corte Inglés, Eventbrite, na taquilla da praza de Ourense e na páxina oficial do artista www.alejandrosanz.com. Como novidade, as localidades serán nominais, un procedemento que se irá instaurando paulatinamente nos directos que se programen no multiusos como medida para evitar actividades mercantís ilegais. Será a primeira vez que o Coliseum limitará a catro tickets por compra, nunha operación en que a persoa que as merque terá que facilitar todos os seus datos e estes quedarán rexistrados nas localidades de acceso ao recinto.

Cun cuarto premio Grammy na súa vitrina ao “Mellor álbum pop latino”, que o cantante conseguiu onte polo disco que vén a presentar “#el disco”, Sanz chegará á cidade dentro de #LaGira 2020 para tocar os seus grandes éxitos e os novos temas que van incluídos no traballo e que paseará entre xuño e xullo por nove cidades cun espectáculo concebido para grandes recintos. Nel, haberá unha pantalla LED de 1000m2 que aloxarán un contido audiovisual en HD deseñado para a ocasión, xunto con 250.000 W de sonido.

Tras o éxito do ano pasado con #LaGira en España, da que desfrutaron máis de 200.000 persoas en cinco concertos en que se esgotaron as entradas e outras 28 datas polas principais cidades de Estados Unidos e México, #LAGIRA continuará a partir do 13 de febreiro por toda Latinoamérica e parte de Suramérica, onde están pechadas actuacións en Arxentina, Chile, Colombia, Perú, Uruguai, Ecuador e Paraguai.

No pasado mes de decembro, o artista sacaba á venda #LAGIRA de #ELDISCO, un CD + DVD en formato de luxo que inclúe o directo gravado no estadio Wanda Metropolitano de Madrid o 15 de xuño ante máis de 55.000 persoas que se posicionou no Nº 1 da listaxe de vendas de España. O lanzamento serve de resume de #LAGIRA, que xa se converteu no evento musical do ano, en que Alejandro Sanz interpreta clásicos do seu repertorio como “Y si fuera ella”, “Amiga mía”, “Mi soledad y yo” ou “¿Lo ves?” xunto ás colaboracións de Camila Cabello en “Mi persona favorita”, Pablo Alborán en “No tengo nada” e Dani Martín en “Lo que fui es lo que soy”, ademais da participación de Sara Baras e dos bailaores El Carpeta e Sara Flamenco.