- A concellería de Deportes organizou ou colaborou en 101 eventos deportivos no
2019 convertendo ao municipio nun dos máis activos na práctica deportiva na área
metropolitana.
- Os resultados indican un 47% máis de participación, colaboración ou programación
de eventos deportivos con respecto ao 2018, polo que prosegue a tendencia á alza
iniciada hai uns anos e que en 2018 xa supuxo un aumento do 38% con respecto ao
2017.
Sada, 14 xaneiro 2020.
A concellería de Educación e Deportes, xestionada por María Nogareda, deu a coñecer esta
mañá os resultados das actividades deportivas nas que a área de deportes participou ben
organizando ou colaborando activamente.
Campionatos de varias categorías en disciplinas como patinaxe, salvamento deportivo ou
fútbol praia; torneos de baloncesto, xadrez, ximnasia artística, judo ou dominó; travesías a
nado, dual cros, maratóns de fútbol sala, carreiras nocturnas, campus deportivos en varias
disciplinas, regatas de vela, festas fin de tempada, exhibición de deportes minoritarios ou
carreiras atléticas de todo tipo, sumaron un total de 101 eventos durante o pasado ano no
municipio sadense.
A concellaría de Deportes realizou balance da pasada tempada arroxando un resultado dun
47% máis de participación, colaboración ou programación de eventos deportivos con respecto
ao 2018. Estes datos continúan a tendencia de crecemento de práctica deportiva do Concello
de Sada que xa no ano 2018 aumentou un 38% a súa programación de actividades con
respecto ao 2017, cando xestionaba a área Zeltia García quen tamén estivo ao mando da
concellería até o mes de maio do 2019.
María Nogareda valora moi positivamente estes datos. “Gran parte da culpa destes datos
téñena os clubs deportivos de Sada que están a realizar un labor inmenso para potenciar a
práctica de diferentes disciplinas deportivas, sinala Nogareda, quen engade que este
espectacular aumento obedece tamén á incorporación de novos clubs durante os últimos anos
así como ao aumento do investimento en material da área que lle leva a poder colaborar máis
activamente coas entidades.
Sada ten rexistradas vinte e oito entidades estritamente vinculadas á actividade física, que son
capaces de mover de maneira regular a máis de 3.000 deportistas entre federados e non
federados e que contan case con 5.300 socios, segundo os datos dos que dispón o Rexistro
Municipal de Asociacións, unha cantidade nada desdeñable para unha poboación de preto de
16.000 habitantes.
Estas cifras, xunto coa cantidade de eventos que a concellaría de deportes programa ou
colabora ao longo do ano converten ao Concello de Sada nun dos máis activos na práctica
deportiva da área metropolitana.
As cifras destacan e máis se se ten en conta que non se contabilizan as persoas que optan
polas escolas deportivas municipais, as usuarias da piscina, das pistas polideportivas, dos
ximnasios privados ou os que adestran de maneira independente sen a cobertura dunha
entidade.