viernes, 10 de enero de 2020

O trimestre invernal de Poetas Di(n)versos conectará o Cono Sur e Luxemburgo con Galicia


O ciclo poético recibirá ata marzo a autores internacionais como Jean Portante, Hugo Mújica e Rafael Courtoisie, que mesturarán as súas voces coas de Luís Valle, Tamara Andrés e Claudio Pato

A Coruña, 10 de xaneiro de 2020.- O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, presentou esta mañá o trimestre invernal do ciclo Poetas Di(n)versos xunto coa súa coordinadora Yolanda Castaño, quen explicou que entre xaneiro e marzo, o centro Ágora recibirá a poetas do Cono Sur, que se mesturarán con voces galegas e do primeiro autor luxemburgués nestes once anos de lecturas poéticas públicas. A nova entrega comezará este luns precisamente con Jean Portante, que acaba de publicar en España “La reinvención de la sombra”. Trátase dun autor moi recoñecido no mundo francófono tras 40 volumes publicados de diversos xéneros e traducido a moitas linguas. Polo conxunto da súa obra, gañou o Premio Petrarca en París, o Gran Premio da Sociedade de Escritores e o Premio Nacional de Luxemburgo.

Ao seu carón, interpretará as súas composicións o lugués Luís Valle, un escritor en absoluto ascenso que se vén consolidando como un dos mellor considerados dos últimos anos tras obter galardóns como o Lueiro Rey, o Eusebio Lorenzo Baleirón ou o da Afundación. Autor doutros trinta títulos de distinta natureza, desenvólvese na xestión cultural e a comunicación e acaba de presentar o libro “Óstraka”.

O 10 de febreiro, un dos poetas máis consagrados do mundo hispánico, o arxentino Hugo Mújica, darase a man cunha poeta combarresa que está a vivir o seu mellor momento: Tamara Andrés, autora dos recentes poemarios “Irmá paxaro” e “Bosque vermello”. En marzo, o recital poético do luns 16 revestirá ecos experimentais e de vangarda ao convidar o uruguaio Rafael Courtoisie e o ourensán radicado na Coruña, Claudio Pato. Se o segundo dirixiu a Galería Sargadelos da rúa Real e editou o seu último poemario –“Draga”– en 2018, o académico é Premio Loewe e Premio Casa de las Américas, e publicou hai poucos meses “El libro de la desobediencia” en España.

O décimo primeiro ano consecutivo da cita continuará ata xuño, que é a única de carácter periódico con poetas internacionais (ademais de locais) en todo o Estado. En 2014 foi distinguida co Premio da Crítica de Galicia á Mellor Iniciativa Cultural. As sesións están programadas os luns ás 20.30 horas, con traducións ao galego e cun acceso aberto e gratuíto. Polo auditorio do Ágora seguirán a pasar distintas librarías de proximidade que poñerán á venda os exemplares das/os poetas convidadas/os, por se o público quixese aproveitar para levar unha sinatura.




Programa en PDF en https://bit.ly/2tNe3RY