A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Festas, Diana Cabanas, presentaron esta mañá a carreira, que partirá o domingo ás 17.30 horas do Miradoiro dos Castros e rematará sobre as 20.00 horas en María Pita
A Coruña, 3 de xaneiro de 2019.- A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Festas,
Diana Cabanas, presentaron esta mañá a cabalgata dos Reis Magos, que sairá este
domingo do miradoiro dos Castros ás 17.30 horas, percorrerá a avenida de Oza,
Ramón y Cajal, avenida do Exército, Linares Rivas, praza de Mina, Cantón pequeno
e grande e A Mariña e finalizará sobre as 20.00 horas en María Pita. Nela intervirán
máis de 150 artistas de once compañías, dúas delas internacionais, inspiradas/os
na maxia do Nadal. Non faltarán acróbatas, zancos ou cabalos de luz con estéticas
circenses e moita música para animar o paseo.
Ao rematar, haberá unha chocolatada na praza de María Pita para todos os e as
nenas participantes e as súas Maxestades dirixirán unha mensaxe desde a
balconada do pazo municipal. A edila explicou que se habilitarán cinco puntos de
mobilidade reducida, cinco de atención sanitaria e dous de lactancia que estarán
situados no Centro Cívico de San Diego e en María Pita. Serán en total 13 carrozas,
sete de patrocinadores e seis municipais; e catro trens, un deles solidario, formado
por cativas e cativos da unidade de diabetes do CHUAC e da Rede Municipal de
Acollida. Ademais, a frota completarase cun bus da TVG, que retransmitará a
carreira, e no que viaxarán personaxes tan coñecidos como Os Bolechas e o
Xabarín. Na cabalgata 400 pequenas e pequenos viaxarán ao lado dos Magos de Oriente e, xunto a eles, 35 monitoras/es e 50 persoas auxiliares e mais os
axudantes dos patrocinadores. Entre todas e todos repartirán 6 toneladas de
caramelos mais os doces que se lancen desde as carrozas das firmas
patrocinadoras.
O responsable de Seguridade Cidadá, Carlos García Touriñán, sinalou que no
dispositivo especial traballarán 132 persoas entre Policía Local, Bombeiros,
Protección Civil e Cruz Vermella. Desde Os Castros á Mariña, haberá cinco puntos
con saídas de evacuación na avenida de Oza con rolda de Outeiro, na praza da
Palloza, na praza de Ourense, unha cuarta á altura da Subdelegación de Goberno e
na praza de María Pita. Aínda que o persoal dividirá o tráfico pola cidade para que
non se produzan atascos, García Touriñán aconselloulle á cidadanía que non se
desprace en coche e que os pais e nais procuren que as crianzas non se acheguen
ás carrozas porque “haberá caramelos para todos”. Sobre o circuíto comentou que
este ano será totalmente recto e chan e que non se cruzarán os vehículos en ningún
tramo, polo que resultará máis seguro que en edicións anteriores.