sábado, 11 de enero de 2020

Infraestruturas comeza este luns as obras de mellora na rúa Puga y Parga


Co obxectivo de humanizar a rúa en Catro Camiños, habilitarase un tramo de carril bici que lles dará un mellor servizo tanto ás persoas que elixan a bicicleta para moverse como ás persoas usuarias a pé

A Coruña, 11 de xaneiro de 2020.- O vindeiro luns, 13 de xaneiro, comezarán as obras de mellora na rúa Alcalde Puga y Parga, no barrio de Catro Camiños. O obxectivo desta actuación, segundo a Concellería de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, é o de humanizar a rúa incluíndo nela a habilitación dun tramo de carril bici. Deste xeito, ofrecerase un mellor servizo tanto para as persoas usuarias a pé como para aquelas que elixan a bicicleta como modo de transporte urbano. A obra de mellora consiste na disposición dunha plataforma única e na implantación do carril bici, o cal mellorará nun alto grao a accesibilidade da dita plataforma, posto que os peóns e peonas camiñarán por unha rúa ao mesmo nivel e sen obstáculos. Así, foméntase dun xeito indirecto o uso de modos de transporte máis sustentables, como é a bicicleta.

O carril bici supón un paso máis na conexión entre o carril bici metropolitano e o de Salgado Torres coa zona de tráfico calmado con límite de velocidade a 30 km/h dos Mallos. Este tramo unirase, na súa parte inicial, co paso para bicicletas xa existente baixo o viaduto de San Pedro de Mezonzo, que servirá nun futuro como punto de inicio para lle dar continuidade ao devandito carril bici pola Avenida de Fernández Latorre.

Por outra banda, a circulación de vehículos na rúa Puga y Parga estará restrinxida ás persoas residentes que accedan aos garaxes desta vía.

Canto á superficie de calzada renovada, esta ascende a 770 m2, dos cales uns 180 m2 correspóndenlle ao carril bici e outros 590 m2 á zona peonil. Ademais, dotarase a vía dunha rede separativa para mellorar o tratamento das augas da zona, o que aliviará a capacidade actual da rede.

Resumo do proxecto en PDF https://bit.ly/35KXhjY