miércoles, 8 de enero de 2020

Concello e ONCE presentan un cupón dedicado ao mercado Eusebio da Guarda


A alcaldesa da Coruña e o delegado territorial da entidade mostraron esta mañá en María Pita o deseño do boleto para o sorteo do próximo 13 de xaneiro

A Coruña, 8 de xaneiro de 2020.- María Pita acolleu esta mañá a presentación dun cupón especial da ONCE dedicado ao mercado municipal de Eusebio da Guarda, coñecido popularmente como Praza de Lugo. O acto contou coa presenza da alcaldesa, Inés Rey, do delegado territorial de ONCE Galicia, Manuel Martínez Pan, do presidente do Consello Territorial de ONCE Galicia, Carlos Fernández, e da concelleira de Benestar Social e Igualdade, Yoya Neira. Manuel Martínez entregoulle a Inés Rey unha reprodución do cupón e anunciou que se repartirán 5,5 millóns para o sorteo do próximo 13 de xaneiro cunha imaxe do mercado que “pon en valor a vinculación do labor social da organización co patrimonio arquitectónico e cultural da cidade e servirá para mostrar o mercado en toda España”.

A alcaldesa agradeceulle á ONCE “o seu agasallo á cidade ao elixir a praza de abastos para ilustrar o seu cupón”, un edificio icónico e exemplo de como a rehabilitación dun mercado supón a dinamización e humanización dun barrio, e a revitalización do pequeno comercio. “Un exemplo que o Goberno local pretende seguir na remodelación dos mercados que están pendentes”, indicou a alcaldesa, que tamén resaltou a vontade do Concello de seguir colaborando coa ONCE na eliminación de barreiras para as persoas con diversidade. Pola súa banda, o delegado da ONCE expresou a súa satisfacción ao poder contar co apoio e a complicidade do Concello para seguir avanzando nun modelo social que dá traballo a persoas con discapacidade en toda España. Martínez Pan lembrou que a ONCE cumpre 81 anos de historia traballando para a inserción laboral de persoas con diversidade, con 4.000 persoas afiliadas no territorio galego. “Somos o primeiro operador de creación de emprego en Galicia e o cuarto en España grazas á solidariedade da cidadanía que nos apoia e confía na nosa organización ao adquirir o noso cupón, que é un vehículo de solidariedade”, destacou.

Subliñou que con esta iniciativa queren “agradecer á cidadanía a súa participación e visibilizar a súa actividade”. Agradeceu tamén a colaboración do Concello no deseño e na composición do cupón e desexou como a alcaldesa que “o Mercado coruñés Eusebio da Guarda leve a sorte alá onde máis se precisa”.

Tanto o delegado territorial como o presidente do Consello Territorial, Carlos Fernández, quixeron destacar a importancia que teñen as administracións e a cidadanía á hora de poder avanzar cara á inserción laboral de persoas con dificultades, e confían en manter nos próximos anos unha estreita colaboración co Goberno local en materia social.

O Mercado de Eusebio da Guarda é un mercado emblemático que se remonta ao 9 de abril de 1910, data na que foi inaugurado. Eusebio da Guarda deixou dito no seu testamento que, unha vez que se rematasen as obras do Grupo Escolar que nese momento se estaban a efectuar, desexaba que as súas irmás e herdeiras investisen 200.000 pesetas na construción dun mercado de ferro na praza de Lugo, para o que o Concello debía ceder o terreo que alí estaba explanado.

No ano 1900 o Concello comezou as súas negociacións coas irmás Da Guarda para cumprir a vontade de Eusebio. O arquitecto Pedro Mariño foi o artífice do proxecto que, a pesar da súa beleza arquitectónica, foise quedando pequeno para o barrio e acabouse demolendo por partes para cumprir unha finalidade máis funcional.

En 2006 rematouse a última reforma desta praza de abastos que a converteu nun mercado novo e moderno cun total de 156 postos. Levaba a sinatura do arquitecto coruñés Jacobo Rodríguez Losada.