As novas escaleiras servirán como alternativa de paso á pasarela peonil
que existe á altura da Comandancia da Garda Civil e mellorará a conexión
do barrio do polígono de Elviña coa rolda de Outeiro
A Coruña, 18 de xaneiro de 2020.- A Concellería de Infraestruturas anuncia que
nos vindeiros días comezarán as obras para construír escaleiras entre a avenida de
Salgado Torres (á altura do semáforo instalado fronte á avenida de Oleiros) e a rúa
Xeneral Rubín, que servirán como alternativa de paso ao itinerario peonil accesible
existente na actualidade.
A nova escaleira, cun desenvolvemento aproximado de 23,5 metros, preséntase
como unha solución á diferenza de cotas entre o bordo da vía Salgado Torres e a
zona do aparcadoiro anexa á rúa Xeneral Rubín. Para sustentar a dita escaleira,
construirase un muro de dique cunha altura máxima de 1,9 metros.
O Concello destinará a estas obras de mellora en Elviña, cuxo prazo de execución é
de dous meses, un total de 60.600 euros.
A rúa Salgado Torres é unha avenida que consta de calzadas separadas e dous
carrís por sentido para o tráfico rodado. Na actualidade, a permeabilidade peonil é
practicamente inexistente, posto que só se dispón dunha pasarela peonil á altura da
Comandancia da Garda Civil. As obras necesarias para a nova escaleira, que se
efectuarán de xeito inmediato, complementan as últimas actuacións de mellora
realizadas na primeira metade do 2018 e melloran a conexión do barrio do polígono
de Elviña coa rolda de Outeiro ao proporcionaren unha conexión peonil directa entre
o semáforo recentemente instalado e a rúa Xeneral Rubín.