"A cotío recibimos informacións de acontecementos graves que nos impactan: guerras, fame, escravitude, paro, violencia, exclusión… e que provocan o éxodo de millóns de persoas. Seres humanos que foxen da dor, o sufrimento e a morte, buscando refuxio. Somos moitas as persoas que queremos actuar pero non sempre sabemos cómo. Con esa intención nace Acampa.
Actualmente Acampa desenvólvese nas cidades de A Coruña, Madrid, e Piracicaba (Brasil). Noutras cidades como Araras (Brasil) ou Lisboa (Portugal) están a dar os primeiros pasos para sumarse a esta Rede Internacional en defensa dos dereitos humanos.
Desde Acampa traballamos para crear un espazo unitario no que se loita contra a desinformación e creamos redes capaces de aproveitar toda a enerxía e capacidade transformadora de centos de persoas e organizacións.
Durante todo o ano organizamos diferentes actividades, pero o noso traballo mais recoñecido desemboca nun encontro que convoca á cidadanía e que se celebra desde 2017 en forma dun gran campo de persoas refuxiadas situado no centro de A Coruña, onde teñen lugar intensas charlas impartidas por expertos, activistas e protagonistas dos acontecementos, exposicións fotográficas, actividades lúdicas e educativas, debates, cinema e moitas outras accións de gran repercusión pública e mediática.
Para levar a cabo este evento fai falta traballo previo e buscamos xente motivada e comprometida que queira sumarse a este movemento internacional tan necesario para fortalecer a defensa dos dereitos humanos.
Os equipos que necesitan apoio son os seguintes:
-Loxística e xestión
-Coordinación do equipo de voluntariado
-Comunicación con entidades sociais
-Deseño Gráfico
-Secretaría
-Coordinación de actividades
-Captación de fondos
Necesitamos a túa axuda. Se cumpres con algún destes perfís ou tes outras habilidades que poidan encaixar en Acampa, escríbenos: voluntariado@redeacampa.org
Esperámosche!"