A Televisión de Galicia desprázase o domingo á Coruña para ofrecer, en directo, a
chegada das súas maxestades de Oriente á cidade herculina, cita coa que comeza a noite
máis máxica do ano para milleiros de nenos e nenas. Co cometido de amosar toda a ilusión
que xera a cabalgata de Reis ao seu paso por Galicia, os Servizos Informativos ofrecerán
un especial que amosará os desfiles e celebracións de acollida a Melchor, Gaspar e
Baltasar.
Presentado por Loli Gómez e Juan Fuentes, e co apoio de Fran Cañotas como
reporteiro nunha das cabalgatas galegas, o espazo da TVG dará comezo ás 17.30 horas
para ofrecer o percorrido da Cabalgata polas rúas da Coruña, ademais de establecer
conexións cos desfiles das principais cidades do noso país.
Nesta data, a CRTVG formará parte destacada do séquito da cabalgata de Reis da
Coruña cun colorido autobús, en que serán protagonistas o rei dos porcos bravos, o
Xabarín, e os divertidos Bolechas, acompañados de nenos e nenas, que compartirán caramelos e a súa ilusión cos rapaces da cidade. O autobús está tamén decorado cos
personaxes de animación das series que o ‘Xabarín Club’ ofrece cada día na
programación da G2 e inclúe unha alusión a Radio Picariña, a primeira emisora dixital na
historia da Radio Galega de música infantil e xuvenil en galego.