A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de
activar unha alerta laranxa por temporal costeiro que afectará desde esta
madrugada ao litoral da Coruña e Pontevedra, e tamén por vento nestas dúas
provincias e en Lugo, ademais de por chuvias na Coruña
Santiago, 15 de xaneiro de 2020.- A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da
Vicepresidencia da Xunta vén de activar unha alerta laranxa por temporal costeiro que
afectará desde esta madrugada ao litoral da Coruña e Pontevedra, e tamén por vento nestas
dúas provincias e en Lugo, ademais de por chuvias na Coruña. Segundo informa a Axencia
Estatal de Meteoroloxía (AEMET), espéranse ventos do sur ou do suroeste que poden
acadar os 100 quilómetros por hora e que afectarán a partir de mañá ás provincias da
Coruña e Pontevedra e na Mariña de Lugo. No resto da comunidade o nivel de alerta será
amarelo con refachos de ata 95 quilómetros por hora.
A AEMET tamén alerta dun fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa no
litoral das provincias da Coruña e Pontevedra. Agárdanse ventos do sur ou do suroeste que
poden acadar forza oito. Ademais, activarase a alerta laranxa por chuvias intensas e
persistentes durante toda a xornada de mañá no oeste, no interior e no suroeste da provincia
da Coruña, onde se esperan precipitacións acumuladas en 12 horas de ata 90 mm.
Por este motivo, desde a Secretaría Xeral para o Deporte ínstase á suspensión de todas as
actividades deportivas ao aire libre nas zonas afectadas.
A Secretaría Xeral para o Deporte pretende deste xeito preservar a seguridade dos
deportistas, adestradores, árbitros ou xuíces, afeccionados, operarios e garantir que non se
produza incidencia algunha nas instalacións.
No caso de precisar información máis puntual ou detallada, débese chamar ao Centro
integrado de Atención de Emerxencias 112 Galicia, ou consultar a páxina web da AEMET:
www.aemet.es., do CAE 112: www.axega112.gal e de Meteogalicia: www.meteogalicia.es