A Coruña, 23 de xaneiro de 2020.- A investigadora Vanessa Valdiglesias, investigadora
Beatriz Galindo e membro do grupo de investigación Diagnóstico Condutual e Molecular
Aplicado á Saúde (DICOMOSA) da Universidade da Coruña, recolleu o pasado 17 de xaneiro
o Premio do Colexio Oficial de Médicos de Valladolid outorgado pola Real Academia de
Medicina e Cirurxía de Valladolid ao traballo “Papel do sistema inmunitario na fraxilidade en
persoas maiores: desenvolvemento de novos biomarcadores”.
Este traballo recolle parte dun estudo realizado polo grupo DICOMOSA, en
colaboración co Grupo de Investigación en Xerontoloxía (GIG), tamén da Universidade da
Coruña, que afonda nos mecanismos inmunolóxicos subxacentes á fraxilidade nos adultos
maiores. O síndrome de fraxilidade implica un estado de vulnerabilidade e un incremento do
risco de aparición de efectos adversos para a saúde, incluíndo discapacidade, dependencia e
mortalidade, mais pode ser retrasado ou incluso revertido no caso de ser identificado a tempo.
É baixo esta premisa que o grupo DICOMOSA traballa nos últimos anos no estudo das bases
biolóxicas da fraxilidade, co fin de atopar biomarcadores que poidan resultar de utilidade na
detección temperá deste síndrome xeriátrico, o que facilitaría a implementación de medidas
preventivas e terapias personalizadas que axuden a retrasar ou mesmo evitar a súa aparición.
O galardón foi entregado o pasado 17 de xaneiro no Acto de Inauguración do presente
curso que tivo lugar na sé da Real Academia en Valladolid.