O ciclo realizarase do 6 ao 9 de febreiro no Teatro Colón e comezará coa presentación de “O que arde”, de Óliver Laxe
Cada longametraxe irá precedida dunha curta do autor e a cita incluirá un
debate posterior coas persoas protagonistas
I Semana do Cinema Galego - Teatro Colón - Entrada de balde
O que arde Xoves, 6 de Febreiro, 20h00
Longa noite Venres, 7 de Febreiro, 20h00
Eroski Paraíso Sábado, 8 de Febreiro, 19h00
Quien a hierro mata Sábado, 8 de Febreiro, 22h00
Feedback Domingo, 9 de Febreiro, 20h00
A Coruña, 21 de xaneiro de 2020.- O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín,
presentou esta mañá a primeira Semana do Cinema Galego, que terá lugar no
Teatro Colón do 6 ao 9 de febreiro, coordinada por Javier Trigales. O edil sinalou
que a pequena mostra confirma a aposta de Cultura polo cine feito en Galicia e
explicou que nestes días se poderán ver ata cinco filmes todos candidatos aos
premio Mestre Mateo 2020. Cada proxección irá precedida dunha curtametraxe do
propio autor, co fin de vermos a súa evolución e “a cita rematará cun coloquio sobre
a cinta”. “Con entrada gratuíta, o público poderá corroborar desde a butaca a
calidade do que se realiza no país e que está recibindo recoñecementos a nivel
internacional”, explicou Míguez, quen engadiu que xa empezou a conta atrás para a
festa do audiovisual galego, que será o 7 de marzo no Pazo da Ópera.
O proceso de selección das candidatas a galardón comezou onte coa publicación da
listaxe de todas as propostas, que terá que votar a Academia ata o 4 de febreiro,
cando se pechará o prazo e que coincidirá no tempo coa Semana do Cinema:
“Estamos traspasando fronteiras e é bo que teñamos acceso ás pelis e aos equipos
produtores, que virán a compartir con nós os seus traballos”. O 10 de febreiro saberanse as e os nomeados aos Mestre Mateo e o 21 de febreiro haberá unha
celebración coas e cos profesionais finalistas, para a que contarán co apoio do
concello.
Pola súa parte, Trigales comentou o contido da programación, que comezará o
xoves 6 de febreiro coa proxección ás 20.00 horas da longametraxe “O que arde”,
de Óliver Laxe, do que tamén se poderá ver a curta “París”. A película, que vén de
recibir o premio Gaudí como mellor filme europeo e está nomeada aos premios
Goya, será comentada polo actor protagonista, Amador Arias; as persoas
encargadas da súa produción, Andrea Vázquez e Xavi Font, así como polo crítico
Martin Pawley. O venres tocaralle o turno a “Longa noite”, de Eloy Enciso, do que se
presentará tamén o traballo “Out of memory”. O director asistirá á tertulia posterior
xunto coa produtora Beli Martínez e o guionista da película anterior de Enciso, José
Manuel Sande. Trátase doutra película que está acadando importantes
recoñecementos internacionais como o premio obtido no festival de Locarno, que
confirma que “o cinema galego xa rompeu unhas cantas barreiras e está levando a
nosa cultura polo mundo adiante”.
Para o sábado, haberá unha sesión dobre cun primeiro pase ás 19.00 horas, onde
se poderá desfrutar de “Eroski paraíso”, codirixida por Xesús Ron e Jorge Coira.
Deste último, verase antes “O matachín” e no coloquio estarán presentes o propio
Xesús Ron, as actrices Patricia de Lorenzo e Cris Iglesias, o actor Miguel de Lira e o
produtor Gaspar Broullón.
Xa pola noite, pasarase ás 22.00 horas “A quien hierro mata”, de Paco Plaza, que
vén de trunfar nos premios Feroz. Ao inicio, proxectarase a peza “Abuelitos” e para
o debate estará a intérprete María Vázquez. Por último, a semana pecharase o
domingo ás 20.00 horas con “Feedback”, de Pedro C. Alonso, e coa curtametraxe
inicial “Ver con los propios ojos”. O director intervirá posteriormente co xornalista
Fernando Molezún nun coloquio que porá o punto final a unha iniciativa que
pretende pór en valor o cinema do país.