martes, 17 de diciembre de 2019

NORMAL inaugura mañá unha mostra de dous proxectos de investigación da UDC organizada pola Unidade de Divulgación Científica


A Coruña, 17 de decembro de 2019.- A Unidade de Divulgación Científica da Universidade da Coruña, en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña, impulsa a iniciativa Divulgando o noso. Trátase de difundir ao público contidos dos proxectos de investigación que están en marcha na Universidade da Coruña a través de exposicións, obradoiros etc. para contribuír a mellorar a cultura científica da sociedade e a percepción que a cidadanía ten do labor dos investigadores e investigadoras da UDC.

Esta primeira contribución, que se inaugura e presenta na planta baixa en NORMAL (no espazo chamado Almacén) mañá, mércores 18 de decembro ás 20:00h, é unha mostra de dous proxectos de investigación que se están a realizar na universidade e que formaron parte das propostas presentadas na Primeira Convocatoria para o Fomento da Cultura Científica, Tecnolóxica e da Innovación.

Pegadas indutivas é un proxecto de investigación de control de tráfico vehicular intelixente desenvolvido polo Grupo de Tecnoloxía Electrónica e das Comunicacións (GTEC). Baséase no fenómeno físico da indución electromagnética para deseñar detectores de pegadas de vehículos nas estradas, empregando bobinas incrustadas na calzada e un sistema electrónico de medida e rexistro. As pegadas indutivas rexistradas permiten identificar o tipo de vehículo, estimar a súa velocidade e determinar o grao de ocupación da vía.

Novos materiais de construción para un mundo novo é un proxecto de investigación realizado polo Grupo de Construción (gCONS). Con el preténdese familiarizar o público cos obxectivos da investigación en materiais de construción, tentando concienciar á sociedade da importancia de facelos compatibles cos obxectivos de desenvolvemento sustentable, á vez que se proporcionan explicacións básicas e divulgativas sobre os materiais que o fan posible.

Estas mostras van acompañadas dunha oferta de obradoiros pensados para diferentes idades e público en xeral, que son de balde logo de se inscribir a través do correo divulgacion.vepeu@udc.gal (o número de prazas é limitado).

A programación é:

Obradoiros Pegadas indutivas: 

- Infantil (6-12 anos): 22 de xaneiro, de 17:30 h a 18:30 h (10 prazas) e de 18:45 h a 19:45 h (10 prazas).
- Adultos: 24 de xaneiro de 11:00 h a 12:00 h (20 prazas).

Obradoiros Novos materiais de construción para un mundo novo: 

- Infantil (8-12 anos): 21, 23, 28 e 30 de xaneiro de 17:30 h a 18:30 h (10 prazas).
- Xuvenil (13-16 anos): 21, 23, 28 e 30 de xaneiro de 18:45 h a 19:45 h (10 prazas).
- Adultos: 28 de xaneiro de 16:00 h a 17:00 h (20 prazas).