viernes, 20 de diciembre de 2019

A Xunta de Galicia recoñece o traballo de tres centros coruñeses no concurso EDUEMPRENDE IDEA


Os conselleiros de Educación e Economía presidiron hoxe a entrega dos galardóns.

O certame ten como obxectivo potenciar a realización de proxectos empresariais polo alumnado das ensinanzas de FP, deportivas ou de artes plásticas e deseño.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2019.- A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, presidiron hoxe a entrega dos premios do concurso Eduemprende Idea 2019, un certame que ten como obxectivo potenciar a realización de proxectos empresariais polo alumnado das ensinanzas de FP, deportivas ou de artes plásticas e deseño. 

A conselleira de Educación deulles os parabéns tanto ao alumnado participante como ao gañador deste certame polo seu espírito emprendedor, moi valioso na sociedade actual, na que “o talento e as ideas son o que marca a diferenza, o máis importante”. 

“Está mañá estades aquí algúns dos mellores expoñentes galegos do espírito emprendedor, motor do crecemento da economía e que favorece, tamén, a cohesión social ao contribuír non só ao voso desenvolvemento persoal, senón a darvos a oportunidade de mellorar a vosa empregabilidade en calquera ámbito ou situación”, destacou, lembrando que “outras persoas estiveron neste mesmo lugar, con proxectos premiados dos que algúns son hoxe empresas en funcionamento”. 

Pomar sinalou que este certame naceu no marco do Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia (Eduemprende) co obxectivo de implantar a cultura emprendedora na comunidade educativa. “Foi, ao tempo, unha resposta ás necesidades da sociedade e aos cambios na concepción dos procesos de ensino e aprendizaxe, para reforzar os vínculos entre educación, empresa, investigación e innovación”, explicou. 

Pola súa banda o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou que a Galicia do futuro será tamén a Galicia máis preparada, apuntando que os emprendedores xogarán un papel clave, xa que, grazas ao seu esforzo o tecido empresarial galego se reforza e medra. 

Conde fixo fincapé en que a educación se converte no vehículo idóneo para implantar a cultura do emprendemento non só entre os máis novos durante a etapa de formación, senón tamén no mercado laboral entre os profesionais, mellorando a súa cualificación para asegurar un rendemento máis elevado. Apuntou que Galicia se encamiña na boa dirección para asegurar o benestar dos seus emprendedores, e así, ata 3.436 novas empresas se crearon este ano na Comunidade. Ademais, segundo o informe GEM, o emprendemento de menores de 40 anos supón o 24% do total. 

Nestes premios recoñeceuse o traballo de estudantes de tres centros educativos da provincia da Coruña, en concreto os reflectidos na seguinte táboa: 



Nas dúas modalidades o premio consiste na incorporación a un viveiro de empresas da Consellería de Educación, no asesoramento técnico do Igape e nunha dotación económica de 3.000 € (1º premio), 2.000 € (2º premio) e 1.000 € (3 premio). 

As persoas participantes deberon achegar coa solicitude unha ficha das e dos integrantes do grupo (mínimo de 2 e máximo de 4) e un proxecto de empresa, así como un resumo executivo e un vídeo do mesmo. 

Enmarcado no Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia, Eduemprende, o concurso conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape. Ademais, os premios están cofinanciados polo Ministerio do ramo e polo Fondo Social Europeo.

Biofroita 
O proxecto do coruñés CIFP Paseo das Pontes, consiste nunha sociedade cooperativa dedicada á elaboración dunha bebida de lactosoro con zume concentrado de laranxa, a Biofroita. 

Esta bebida intenta satisfacer unha necesidade básica de alimentación, como é a das bebidas alternativas a refrescos, zumes ou iogures, buscando ao mesmo tempo colmar os desexos dos consumidores e facelo con produtos saudables. Neste sentido cómpre sinalar que se trata dun produto apto para dietas lactovexetarianas, así como para outras opcións que necesiten prescindir de certos alérxenos. O perfil nutricional da bebida pode ser interesante para clientes con alerxias ou intolerancias, ou que deban ter un coidado especial coas súas dietas e procuren alimentos proteínicos de alta calidade que contribúan a manter unha boa saúde. Ademais, non leva azucres engadidos. 

KAD Kids and animals detection KAD 
(Kids and Animals Detection) é un sistema do CIFP Coroso (Ribeira) para a detección de cativos ou mascotas encerrados involuntariamente dentro dun vehículo, evitando, entre outros, os graves danos provocados por golpe de calor. Trátase dun dispositivo que ten a capacidade de facer saltar unha alarma se isto sucede e o sensor detecta que o cinto está a utilizarse. 

Ademais, se detecta un movemento no interior dun vehículo envía un aviso vía telefónica á persoa propietaria e, no caso de que non responda, avisa os servizos de emerxencia (112). Durante o tempo de espera mantén controlada a temperatura do vehículo, de xeito que, superados os 25ºC, ten autonomía para abrir parcialmente as ventás e activar o ventilador para a recirculación de aire, salvando así a vida do menor ou da mascota. A maiores, aproveitando a tecnoloxía instalada, actúa como alarma antirroubo. 

Fungal Materials 
Fungal Biomaterials, do IES Fernando Wirtz Suárez (A Coruña), é un proxecto de cooperativa que presenta unha opción sustentable para a subministración de materiais biotecnolóxicos en procesos industriais cun modelo B2B, desenvolvendo biomateriais a partir do estudo do reino Fungi, endémico de Galicia. Contribúese, deste xeito, á economía local verde. 

A iniciativa conta con dúas liñas de produto, Biotea e Fungitea, que se sitúan no mercado como alternativa ao coiro animal e ao sintético. Saliéntase como elemento diferenciador no mercado polo seu tempo de reposición e o seu carácter endémico e ecolóxico. 

Os materiais que desenvolve Fungal Biomaterials válense de procesos biolóxicos para a súa elaboración, alimentándose de organismos do reino Fungi en condicións controladas, para crear un tecido similar ao coiro, con fins téxtiles. O produto resultante é 100 % ecolóxico, natural e sustentable, e procura unha alternativa con menor impacto ambiental aos xa existentes no mercado, como o coiro e outros polímeros plásticos.