As radios da Coruña únense nun programa conxunto o sábado 28 ás 17h no Teatro Rosalía Castro.
A Radio Conta chega á súa sétima edición. Uns 40 profesionais de todas as emisoras da Coruña (Radio Galega, Radio Marca, Onda Cero, Radio Nacional de España, InterCoruña, Radio Coruña-Cadena Ser, COPE e RadioVoz) deseña, produce, elabora e emite conxuntamente un programa de radio que se realizará o día 28 deste mes desde o teatro Rosalía Castro da cidade herculina. Será de 17 a 20h, con entrada libre.
O programa que une ás radios da Coruña repítese, segundo o seu presentador, o xornalista Moncho Viña, co desexo de “superar” a “calidade radiofónica das seis edicións anteriores” e co mesmo dobre obxectivo: “a solidariedade e a homenaxe á radio local”. Así, xorde un proxecto único na historia de España “e paramos de investigar, pero cremos que tampouco se fixo en Europa”, declarou Viña na presentación, á que tamén asistiu a alcaldesa da Coruña, Inés Rey.
Este ano A Radio Conta colabora con Asanog, que traballa con nenos oncolóxicos, que sofren cancro, e que ofrece todo tipo de apoio ás súas familias. A entidade, segundo explicou a súa vogal, Lorena Collazo, busca fondos para poder abrir na Coruña un piso de acollida para que os familiares destes cativos poidan residir mentres permanezan hospitalizados.
Para o día 28 prepárase un programa radiofónico de calidade e moi elaborado “pensado e repensado durante meses, moi solidario pero moi, moi divertido”, segundo definiu Moncho Viña. "Vai ser unha festa e ímolo pasar que ides flipar" dixo esta mañá Xosé Touriñán. O humorista e actor é un dos convidados do programa, que cualificou como "un exemplo" pola unión das radios participantes.
Xunto a Touriñán, neste sétimo A Radio Conta estarán os humoristas Xosé Touriñán e Moncho Borrajo, os actores Luís Iglesia e Marita Martínez ou o deseñador Antón Lezcano. A música porana Pablo Díaz, Brais Morán e As Tanxugueiras. Poderemos oír as regueifas de Lupe Blanco e a voz do actor de dobraxe Javier López. Estarán as deportistas olímpicas Sofía Toro e Julia Benedetti. Nas redes, contaremos con tuiteiros como Carolina Regueira, Uxío, Javier Varela, Sindo Novoa e Silcerino. E especial mención merece oguionista Óscar Cruz, grazas ao que a rexedora e os grupos municipais da Coruña van ter “algún tipo de papel” no programa, que estará cheo de sorpresas.
A Radio Conta poderase seguir no teatro, pola frecuencia das radios participantes e, por vez primeira, por ‘streaming’ na web do Concello da Coruña. no propio teatro. A entrada ao recinto é libre, con donativo voluntario.
A iniciativa está aberta a colaboracións a través da fila cero e o número de conta: ES61 2100 1453 2102 0025 9900 (La Caixa)