O faro romano celebrará este venres unha visita guiada nocturna
A Coruña, 26 de setembro de 2019. O Consorcio de Congresos e Turismo da Coruña únese este venres á celebración do Día Mundial do Turismo. Por este motivo, a Torre de Hércules celebrará unha xornada de portas abertas na que as visitas serán gratuítas. Todas as entradas serán de balde, pero antes hai que recoller o ticket de acceso no Centro de Interpretación e Atención ao Visitante situado no aparcadoiro. O horario de visitas neste mes de setembro é de 10h a 21h, sendo o último acceso ás 20.30h.
A maiores, nesta data, celebrarase unha visita guiada nocturna pola contorna e interior do faro. Para a visita, que está limitada a 23 persoas por motivos loxísticos, xa non é posible obter entradas. As entradas foron anunciadas nas redes sociais da Torre de Hércules e esgotáronse no minuto seguinte de abrirse o prazo.
A Torre de Hércules continúa celebrando o décimo aniversario da súa declaración como Patrimonio da Humanidade. Uns actos que se centraron a finais do mes de xuño na reprodución dun espectáculo de video-mapping no faro e dun concerto exclusivo da artista galega Mercedes Peón, así como visitas e exposicións durante esas datas.