O festival despídese o sábado 10 e o domingo 11 de agosto, de 12.00 a 22.00h, cunha romaría popular contemporánea coa mellor música ao vivo do indie galego e estatal en sesión gratuíta e con actividades para gozar en familia da man do Mercado da Colleita, unha iniciativa de compromiso social impulsada por Hijos de Rivera para a transformación sostible do rural
Os directos musicais singulares que se sucederán na fin de semana no Parque do Paseo das Pontes chegarán da man de Pablo Lesuit, Anni B Sweet Los Punsetes, Silvia Penide, Ñaco Goñi + Marian Ledesma & Tinaquero Brothers, Bart Davenport, Os Amigos dos Músicos, Derby Motoreta’s Burrito Kachimba e Joe Crepúsculo, co proxecto DJ Inclusivo nos pratos
Xogos tradicionais, o cultivo dun horto, catas e degustacións ou talleres lúdicos e divulgativos son algunhas das múltiples propostas que se poderán atopar no Mercado da Colleita durante estas dúas xornadas de clausura do 33º Festival Noroeste Estrella Galicia
O Mercado da Colleita é un proxecto de compromiso social de Hijos de Rivera que ten como obxectivo transformar o rural propoñendo novos modelos de xestión e de negocio, que identifica tendencias e xera coñecemento para expor alternativas para o rural que despois traslada ao conxunto da sociedade a través de actividades de divulgación e formación
A Coruña, 1 de agosto de 2019.- Unha romaría popular contemporánea para todos os públicos clausurará o sábado 10 e o domingo 11 de agosto o 33º Festival Noroeste Estrella Galicia no parque do Paseo das Pontes da man do Mercado da Colleita. O evento contará cun completo programa musical en sesión continua e gratuíta cos mellores sons do indie galego, estatal e internacional e cunha variada oferta de actividades para gozar en familia e coñecer de primeira man a proposta de valor que achega o Mercado da Colleita, a iniciativa de responsabilidade social impulsada pola Corporación Hijos de Rivera para a transformación sostible do rural.
O Mercado da Colleita consolídase deste xeito no marco do Noroeste Estrella Galicia, con dous días de programación, a mellor música e moitos produtores e actividades durante toda a fin de semana, de 12.00 a 22.00 horas. Xogos tradicionais, o cultivo dun horto, catas e degustacións e obradoiros lúdicos e divulgativos son algunhas das múltiples propostas que se poderán encontrar no Mercado da Colleita durante estas dúas xornadas de clausura do 33º Festival Noroeste Estrella Galicia.
No ámbito musical, a xornada do sábado 10 de agosto contará con tres directos musicais singulares en sesión de tarde, de 16.00 a 20.00 horas, con artistas de referencia da escea indie, como Pablo Lesuit, Anni B Sweet e Los Punsetes. Namentres, o domingo será a quenda das actuacións de Silvia Penide, Ñaco Goñi + Marian Ledesma & Tinaquero Brothers, Bart Davenport, Os Amigos dos Músicos, Derby Motoreta’s Burrito Kachimba e Joe Crepúsculo, mentres que as sesións ao pratos corresponderán, por segundo ano consecutivo, a DJ Inclusivo, un proxecto da Asociación Cultural Negus que se desenvolve no marco do programa Cultura Accesible e Inclusiva, impulsado polo Concello da Coruña a través da Fundación Emalcsa, co obxectivo de promover e facilitar a participación das personas con diversidade funcional na vida cultural, así como favorecer o desenvolvemento da propia experiencia artística en igualdade de oportunidades, derrubando calquera barreira que dea lugar á súa discriminación.
O Mercado da Colleita porá así o alfinete final ao Festival Noroeste Estrella Galicia por cuarto ano consecutivo, despois do éxito da pasada edición, onde máis de 11.000 persoas puideron gozar de preto de 20 iniciativas do rural galego, que ofreceron todo tipo de actividades que se celebraron de maneira repetida e simultánea durante toda a fin de semana. A organización convida a todos os públicos a participar nestas dúas últimas xornadas do Noroeste Estrella Galicia coas súas mantas e comida, para converter o Parque do Paseo das Pontes nunha auténtica romaría musical contemporánea, urbana e festiva.
O ÉXITO DUNHA INICIATIVA SOSTIBLE E LÚDICA EN #MODORURAL
O Mercado da Colleita regresa ao Paseo das Pontes por cuarto año consecutivo como broche final á 33º edición do Noroeste Estrella Galicia cun completo programa musical e unha variada oferta de actividades lúdicas e divulgativas para todos os públicos. O éxito desta iniciativa de compromiso social de Hijos de Rivera no marco do festival aumentou en cada edición, acadando os 11.000 asistentes do pasado ano que reforzaron coa súa presenza unha proposta de lecer familiar arredor do rural e a sostibilidade.
De novo, o Mercado da Colleita despregará no Paseo das Pontes un atractivo espazo co que se pretende sensibilizar á sociedade sobre a necesidade de transformación do rural e facela partícipe da súa responsabilidade nesta tarefa. Todo isto no marco dun ambiente festivo, cun cartel musical de luxo e cunha ambiciosa proposta de actividades arredor do medio ambiente, da revalorización da orixe, do valor do produto de proximidade e do consumo responsable.
Neste sentido, durante o sábado o Mercado da Colleita porá en marcha talleres diversos como os de elaboración e cata de pan, de preparación de táboas de queixos, de coidado de hortos ou compostaxe, de posta en marcha dun vivero e o seu coidado ecolóxico, así como degustacións de sidras e parladoiros sobre sostibilidade no rural ou modelos de negocio para a súa transformación. As persoas asistentes poderanse inscribir ao chegar no espazo habilitado para tal fin.
Os xogos tradicionais e talleres de manualidades estarán toda a fin de semana a cargo de R, mentres que Gadis desenvolverá unha completa axenda destinada aos máis pequenos de obradoiros de cociña e actividades lúdicas. Como novidade, este ano súmase á proposta o “Proxecto de Sostibilidade WE” durante as dúas xornadas cunha oferta de actividades de concienciación arredor da sostibilidade que irán desde a reciclaxe con caixas de carton kraft e construción de castelos para personalizar, preparación de camisetas tie dye con tintas naturais, práctica de skateboarding cunha rampla reciclada ou obradoiros de caretas e de pintura.
O domingo Mercado da Colleita ofrecerá unha serie de conversas e coloquios con temáticas como “Accións cotiás para a sostibilidade” ou “A importancia do medio rural na sostibilidade global”. Ademais, desenvolveranse actividades sobre slowfood, así como obradoiros de elaboración de queixos, de pan, de cociña variada ou do coidado dun horto na casa e catas de infusións e sidras, así como degustacións doutros produtos do noso rural.
E, por suposto, tanto R coma Gadis manterán a súa oferta de lecer, que se suma a todas as propostas do “Proxecto de Sostibilidade WE”. Todas estas actividades completan un programa de ocio único arredor da sostibilidade do rural en pleno centro urbano que pecha por todo o alto o 33º Festival Noroeste Estrella Galicia.
ECLECTICISMO, CALIDADE, VIVENCIA E DESCUBRIMENTO NUN FESTIVAL URBANO DE REFERENCIA
Como cada ano, A Coruña transformarase no verán para acoller unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia. Este 2019 o evento celebrarase do 6 ao 11 de agosto e contará de novo con máis de 75 bandas e artistas que inundarán cos sons máis eclécticos todos os recantos urbanos da cidade. O Festival Noroeste Estrella Galicia é unha cita musical única en España, que ofrece un programa atractivo de concertos gratuítos a ceo aberto e que cada ano reúne entre 60.000 e 90.000 persoas.
Este 2019, o cartel do Noroeste Estrella Galicia, que rexistra un 50% de grupos galegos e un 45% de presenza feminina, moverase ao ritmo de sons tan eclécticos e atractivos como o blues, o hardcore, o folk, o R&B, o soul, o rock, o garage, o surf, o punk, a psicodelia, o indie pop, o noise e, incluso, a copla electrónica e a música brasileira. No 33º Festival Noroeste Estrella Galicia concentraranse máis de 150 horas de música ao vivo da man de: Andhrea & the Black Cats, Anni B Sweet, Baiuca, Bart Davenport, Basanta, Belako, Blanco Palamera, Chiquita y Chatarra, Chisme, Contenedor de Mierda, Crimson and Clover, Derby Motoreta’s Burrito Kachimba, DJ Inclusivo, Dois, Dr. Spectro, ELBA, Electra, Elvis Negro, Emma Pollock, Escuchando Elefantes, Faia, Hailu Mergia, Hickeys, Holly Miranda, Holywater, Indy Tumbita & The Voodoo Bandits, Jenny and the Mexicats, Joe Crepúsculo, Júlio Resende, La URSS, Ladrillo y Mujer, Las Antonias, Los Árboles, Los Estanques, Los Hermanos Cubero, Los Punsetes, Los Vinagres, Los Voluble, Lucifer, Mac N’ Rones, Mastodonte, Morgane Ji, Morgen, Mundo Prestigio, Músculo!, Nathy Peluso, Night Shades, Ñaco Goñi + Marian Ledesma & Tinaquero Brothers, Os Amigos dos Músicos, Pablo Lesuit, Paco Ibáñez, Patti Smith and Band, Paul Collins Beat, Ruiseñora, Sala 5, Santi Araújo, Seda, Silvia Penide, Soleá Morente, Superser, Teething, The Last Internationale, The Sey Sisters, The Sounds, The Wellgreen, Theta Waves, Toundra, TT Syndicate, Turbo Kraks, Turma Caipira, Volcanes, Vudú e Zu.
Considerado como un dos eventos musicais máis imprescindibles do verán no norte peninsular, o Noroeste está organizado polo Concello da Coruña e conta coa colaboración especial de Estrella Galicia. Da súa man, A Coruña ábrese a novos camiños, novos xeitos de facer e mirar, consolidándose como un reclamo de turismo experiencial, contemporáneo e singular.
Fiel á filosofía que caracterizou o festival nas súas últimas edicións, o Noroeste Estrella Galicia manterá no 2019 o seu carácter urbano cos mesmos escenarios espallados por toda a cidade, para ofertar ao público novas experiencias e novas formas de interactuar coa xente a través da música. Ademais, o Noroeste Estrella Galicia repetirá a súa aposta por ofrecer ciclos de programación para todo tipo de públicos a diferentes horas do día e da noite, e contará de novo con sesións matinais (para ampliar a experiencia ao mediodía, da man de bandas con pegada da escena galega e estatal) e o Ciclo Selección Noroeste (con directos exclusivos en teatros e recintos a cuberto da cidade). O Mercado da Colleita, de Hijos de Rivera, celebrarase tamén durante a fin de semana.
O Concello da Coruña e Estrella Galicia continúan a súa colaboración un ano máis despois da sinatura, en 2016, dun convenio institucional relativo á programación cultural que se pode gozar na cidade e que ten como máximo exponente ao Noroeste. Ademais, o festival colabora un ano más con Radio 3 e co xa clásico Concurso de Bandas e Solistas de Cuac FM.