As irregularidades nos chamamentos aos médicos eventuais reducen o interese por traballar na Área Sanitaria de A Coruña
A CIG-saúde denuncia a xestión pouco transparente e irregular dos chamamentos do persoal médico eventual e a utilización arbitraria dos contratos de estabilidade.
A Xerencia da Área Sanitaria de A Coruña e a Consellería de Sanidade insisten na mensaxe de que non hai profesionais médicos e que lles resulta imposible cubrir as ausencias dos centros de saúde e dos puntos de atención continuada (PAC). Intentan desviar a súa responsabilidade de xestión á imposibilidade de contar con efectivos dispoñibles. “Se non hai non se poden contratar”, din e iso é certo, pero a política de recursos humanos da Consellería nos últimos anos de recortes e a xestión da Xerencia actual da Coruña son os responsables de que sexamos unha área da que escapan as médicas de familia.
As e os médicos de familia eventuais quéixanse da falta de transparencia nos chamamentos deste verán. A Xerencia, no seu plan de cobertura de ausencias, prioriza primeiro os PAC e despois os centros de saúde que teñen só 1 médico e despois os que teñen 2 e así sucesivamente. Sería correcto se a Xerencia fose transparente. Que está sucedendo? Aos primeiros da lista de eventuais se lles ofrecen os PAC e nada máis e se lles di que as prazas de atención ordinaria non se van ofertar. Pero, cando os PAC están cubertos empezaron a ofrecer os centros con 1 só médico aos médicos que están ao final da lista, contratos que serían de interese para os que figuraban de primeiros na lista, e aos que só lles ofreceron PAC, pero non lles permiten despois facer o cambio. Deste modo quen se pode fiar desta Xerencia?
Por outra parte, a normativa dos contratos de estabilidade para médicos eventuais (os contratos dun ano) non permite facer substitucións de máis de 15 días con este tipo de contrato. As ausencias superiores a 15 días deben ser ofrecidas á lista de contratacións e todos os de menos de 15 días se lles ofrecerán ao persoal deste tipo de contrato se están libres. Lamentablemente tamén a propia Xerencia está incumprindo a norma e se lles están ofrecendo contratos de máis de 15 días ao persoal do contrato de estabilidade no lugar de ofrecerllos ao persoal eventual da lista de contratacións. En fin, parece que a administración da Coruña está exenta de cumprir as súas propias normas.
Son poucos, son poucas médicas, é certo, pero así serán moitos menos cada vez.
A CIG-saúde esixe a esta Xerencia transparencia nos procedementos dos chamamentos, que se respecten a prelación que hai na lista de eventuais e que non se fagan máis contratos irregulares co persoal dos contratos de estabilidade. As normas de xogo da contratación están escritas e son claras e a Xerencia debe cumprilas se quere que o persoal médico eventual queira vir traballar á Área de A Coruña. CIG saúde esixe claridade na contratación para poder xerar confianza ao persoal eventual.