-O Concello de Sada programa para o vindeiro fin de semana as Festas do Carmen en colaboración coa Cofradía de Pescadores, Eres de Sada Si, e Touliña Pop
-A xornada do domingo contará con Voo sen motor, regata de inflables, sesión vermú, cucañas e desfiles dentro do evento Ala Vou Airlines
Sada, 10 xullo 2019.
O Concello de Sada organiza xunto coa Cofradía de Pescadores, a asociación Eres de Sada Si, e Touliña POP as festas do Carme 2019 que terán lugar do 12 ao 14 de xullo no porto de Fontán.
O venres abrirase ao público de 17:00 a 22:00 o mercado mariñeiro situado no paseo portuario que terá continuación o sábado e o domingo de 10:00 a 22:00.
O sábado 13 de xullo haberá dianas e alboradas con Gaiteiros de Fontán a partir das 12:00. Na lonxa do porto ás 18:00 terá lugar a tradicional misa mariñeira e a continuación a procesión marítima.
Na zona do paseo portuario comezará ás 20:00 a sardiñada e ás 22:00 o concerto do grupo Luar na Lubre que presentará en Sada a xira “Ribeira Sacra”.
O domingo prográmase o Ala Vou Airlines, un evento organizado pola asociación Eres de Sada Si…, que tamén realiza os Xogos Curruncheiros. Durante todo o día a zona do porto vivirá unha xornada chea de actividades e troula. As actividades comezarán ás 12:00 coa “Regata de inflables tolos”. Trátase dunha regata con elementos inflables ou flotantes que discurrirá dende a rampa de armadores ate o pantalán do porto náutico. Os participantes terán que completar o percorrido subidos no elemento inflable ou flotante e somente impulsarse coas máns ou remos ou elementos que non sexan mecánicos.
Dende as 12:30 ata as 15:30 haberá unha sesión vermú amenizada pola Lilicleta e ao termo da mesma comezará o desfile de aparellos e fanfarria.
Ás 16:30 terá lugar o acto central do evento có “Voo sen Motor” e a Cucaña con animación musical a cargo de Touliña Pop. No Voo sen Motor haberá tres categorías: Artístico, Show e Distancia, tanto individual como en grupo. Os aparellos lanzaranse ao mar na zona do porto preto da fábrica de xeo e para dar máis colorido ao evento os participantes deberán estar vestidos acordes co aparello. Unha vez rematadas as cucañas e o Voo sen Motor a organización entregará os premios.