Un ano máis, en colaboración co Concello da Coruña, estas tres propostas galegas gañadoras do xa tradicional Concurso de Cuac FM actuarán na Praia de Riazor como teloneiras dos cabezas de cartel do 33º Festival Noroeste Estrella Galicia o venres 9 e o sábado 10 de agosto
A Coruña, 16 de abril de 2019.- LORA, The Rapants e Portland foron seleccionados como gañadores do XXI Concurso de Bandas e Solistas de Cuac FM e, como parte do premio, actuarán este verán no 33º Festival Noroeste Estrella Galicia como teloneiras dos cabezas de cartel o venres 9 e o sábado 10 de agosto de 2019 no escenario da Praia de Riazor.
O Festival Noroeste Estrella Galicia, organizado polo Concello da Coruña, colabora deste xeito, un ano máis, co Concurso de Bandas e Solistas da radio comunitaria coruñesa Cuac FM, que acaba de celebrar a súa 21ª edición. O certame alcanzou este ano 2019 unha cifra récord no importe en metálico dos seus premios, que é de 4.500 euros. Na Categoría Exclusiva para Bandas Galegas resultaron vencedoras LORA, The Rapants e Portland. Estas tres bandas galegas gañadoras actuarán na Praia de Riazor como teloneiras dos cabezas de cartel do Noroeste Estrella Galicia o venres 9 e o sábado 10 de agosto. Entre elas, Portland, que é coruñesa, alzouse, ademais, co Premio á Mellor Banda Local, que ten unha recompensa en metálico de 1.000 euros. As outras dúas bandas gañadoras recibirán unha remuneración de 900 euros.
O obxectivo do concurso foi, un ano máis, "fomentar a cultura musical na nosa contorna, outorgándolle valor engadido á música local". Un xurado composto por non menos de cinco profesionais do mundo da música e socios e socias da emisora Cuac FM valorou, entre outros aspectos, a calidade das distintas propostas, tanto a nivel instrumental como lírico, para emitir o seu veredicto.
TRES NOVAS BANDAS E ARTISTAS CONFIRMADAS NO NOROESTE ESTRELLA GALICIA 2019
LORA. Alejandro Gesto e Carlos Eirís son LORA, un grupo de rap con toques pop moi marcados, procedente de Carral. O grupo fórmase a principios de 2018 e comeza a publicar os singles do seu primeiro álbum en abril dese mesmo ano. Autoproduce todos os seus temas, desde a composición da música e as letras, ata a gravación e a mestura dos sons. Nas cancións de LORA, ademais dos clásicos sintetizadores e os samples, Alejandro e Carlos incorporan tamén instrumentos acústicos para crear bases instrumentais cun son moito máis orgánico, que levan tamén aos directos onde lles acompañan un DJ e un guitarrista para facer as súas actuacións máis enérxicas e entretidas. A banda foi seleccionada como unha das 12 semifinalistas do concurso Vodafone Yu Music Talent entre máis de 1.200 grupos. Asimesmo, LORA foi gañadora do concurso Sons Mans e, agora, ven de gañar o XXI Concurso de Bandas e Solistas de Cuac FM. Co seu tema Johnny Reggae soaron en Los 40 Coruña e en Radiovo. Actualmente, a banda está a gravar os temas que conformarán o seu segundo álbum, previsto para despois do verán.
THE RAPANTS. Festa, xuventude, praia e, sobre todo, bo rolo. Iso é The Rapants. Esta banda de indie garage surfeiro formada en Muros o verán de 2018 conseguiu mediante frases pegadizas e bailes esperpénticos facerse un oco nas preferencias musicais do público novo. A Xanma e Rapante, encargados das guitarras e as voces (así como da composición) súmanse Matías e Hugo. O primeiro (ao baixo) levanta ao público co seu carácter descarado. Pola súa banda, Hugo, a última incorporación, substitúe á anterior batería achegando maior variedade rítmica e experiencia. Este 2019, despois dos seus concertos en Santiago e Madrid, a banda actuou na V Noite de Rock Sala Nasmo, na súa localidade natal muradá. Actualmente, The Rapants continúa promocionando o seu último single: Andas por el. Un pequeno preludio ao seu futuro álbum Cariña de raposo. A música animada e pegadiza desta banda esténdese rapidamente entre os seus oíntes, agradando especialmente ao público xuvenil, que salta e baila nos seus directos. A filosofía do grupo fundaméntase na composición ininterrompida de nova música, da cal xa obtiveron os seus primeiros ingresos en diversas plataformas de streaming como Spotify, grazas ás súas numerosas visitas. A fábrica de baile de The Rapants nunca deixa de funcionar, un motivo máis para motivar a un público que aumenta grazas ao éxito en redes.
PORTLAND. Portland é unha banda formada en 2014 na Coruña, integrada por Adriana, Borja, Breogán, Matías e Víctor, todos artistas forxados previamente en diferentes proxectos. Con referencias variadas que van desde o indie rock ao soul ou o motown, Portland busca o seu estilo propio. A Place We Know é o título do seu primeiro álbum de estudo, resultado de dous anos de duro traballo. Velaquí un grupo sen etiquetas no que cada compoñente aporta a súa visión e as súas influencias personais. E todo suma.
MOI PRONTO…
Na web www.festivalnoroeste.com e nas redes sociais do Noroeste Estrella Galicia, do Concello da Coruña e da Concellería de Culturas comunicaranse as últimas confirmacións do festival ata pechar o cartel definitivo desta 33ª edición que se celebrará do 6 ao 11 de agosto de 2019, na que destacan nomes coma os de Patti Smith and Band, Nathy Peluso, Belako, Paco Ibáñez, Mastodonte, Joe Crepúsculo, Los Punsetes, Anni B Sweet ou La URSS.